Marín propón un pago de impostos e taxas municipais flexible e fraccionado

Marín
06 de xuño 2020

Estas medidas permitirán reducir o importe mínimo da débeda a partir da cal se poden fraccionar os pagos, ampliar os prazos deses fraccionamentos en función do importe da débeda, reducir o proceso burocrático para aumentar a axilidade na solicitude dos mesmos e non aplicar intereses se as cotas fraccionadas non sobrepasan o exercicio anual

O Concello de Marín, consciente de que moitas familias e empresas están a ter dificultades para facer fronte aos impostos e taxas municipais, vai aplicar unha serie de medidas que permitirán "flexibilizar" os diferentes pagos.

A través da modificación da ordenanza que regula o fraccionamento, proporanse catro grandes liñas de actuación: reducir o importe mínimo da débeda a partir da cal se poden fraccionar os pagos; ampliar os prazos deses fraccionamentos en función do importe da débeda; reducir o proceso burocrático para aumentar a axilidade na solicitude dos mesmos; e non aplicar intereses se as cotas fraccionadas non sobrepasan o exercicio anual.

O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, expuxo na comisión informativa de Facenda desta semana a proposta de modificación da ordenanza para incluír estas medidas. O edil explicaba que "nestes momentos de contracción económica derivados da crise entendemos que as persoas poden ter maiores dificultades para atender os pagos dos impostos ou das taxas e por iso queremos facilitar o máximo posible o seu abono".

Estas novas condicións afectarían a cuestións como o importe mínimo da débeda acumulada, que pasa de 150 a 60 euros. Deste xeito, se ata o momento era preciso ter como mínimo unha débeda acumulada de, polo menos, 150 euros para solicitar o seu pago fraccionado, agora proponse reducir ese importe a 60 euros.

Outro dos puntos que se ven favorecidos por esta flexibilización é o referido á ampliación dos prazos de pago, xa que o fraccionamento vai gozar dunha maior marxe temporal, que se mide en función da cantidade de débeda acumulada.

Deste modo, o tramo actual de importe de entre 150 e 500 euros, que tiña un prazo de 4 meses, pasaría a ser de entre 60 e 300 euros, cun novo prazo de 6 meses; o tramo de importe de entre 500,01 e 1.000 euros, que tiña un prazo de 9 meses, pasaría a ser de entre 300,01 e 900 euros, cun novo prazo de 12 meses; e o tramo de 1.000 euros en adiante, que tiña un prazo de 12 meses, pasaría a ser de 900 euros en adiante cun novo prazo de 18 meses.

Coa modificación da ordenanza, procurarase tamén reducir a carga de documentación acreditativa da situación financeira daquel que solicite o fraccionamento do pago dos impostos e das taxas, sempre tendo en conta a contía da débeda.

No caso daqueles que teñan menos de 300,01 euros, abondará con presentar unha declaración responsable da existencia desas dificultades económicas. Mentres que se a débeda vai de 300 a 900 euros, chegará con presentar unha declaración da renda do ano pasado ou un certificado de ingresos, a non ser que se lle dea permiso expreso ao Concello para consultar os datos en Facenda, co que tamén xa sería suficiente.

A modificación da ordenanza tamén inclúe que aqueles que fraccionen o pago das súas débedas de impostos e taxas non se repercutirán impostos, sempre e cando o período de pago non supere o exercicio anual.

Por outra banda, a modificación da ordenanza contempla a incorporación dunha novidade: a creación un Plan Personalizado de Pagos, máis pensado para as empresas e que só afecta aos pagos dos impostos (non ás taxas).

A próxima semana a modificación da ordenanza irá ao pleno da corporación para a súa aprobación inicial. Despois estará exposta a nivel público e, de non presentarse alegacións, volvería a sesión plenaria para a súa aprobación definitiva.