Marín suprime o pago de impostos a comercios e locais de hostalería durante o estado de alarma

Marín
29 de abril 2020

Ademais destas medidas, desde o Concello de Marín anúnciase o lanzamento nos próximos días dunha importante campaña de visibilización e apoio ao tecido produtivo local, para poder facer fronte ás perdas económicas que a situación de alarma está a provocar

Comercios de Marín pechados
Comercios de Marín pechados / Google Street View

O Concello de Marín vén de adoptar unha serie de medidas económicas para tratar de paliar a situación de incerteza á que se enfronta o tecido comercial da vila mariñeira no presente estado de alarma.

O goberno local marinense está a traballar nun plan de reactivación local co que abordar as liñas estratéxicas da recuperación económica no municipio e poder mitigar, na medida do posible, as consecuencias económicas da pandemia global que estamos a padecer.

Esas liñas estratéxicas son catro: económica, social, de emprego e do comercio e hostalaría. Todas elas están orientadas "a tratar de facilitar a situación que están a atravesar os comerciantes e a restauración, que entendemos que afrontan momentos moi duros onde a súa capacidade financeira vai estar mermada, polo que precisan de axudas concretas no pago de taxas e impostos", segundo declaraba o concelleiro de Facenda, Manuel Santos.

Deste xeito, establécense novos prazos e diversas exencións relativas aos principais tributos que asumen os establecementos comerciais e de restauración do seguinte xeito:

- Imposto sobre vehículos de tracción mécánica e taxa por vao permanente. O Concello ampliará 3 meses o prazo para o novo pago voluntario do imposto.

- Taxa polo servizo de recollida de lixo. Non se cobrará a parte proporcional desta taxa a aqueles comercios que non puideron abrir durante o estado de alarma e o trimestre emitirase un mes despois do levantamento do mesmo.

- Taxa por ocupación da vía pública na venda ambulante. Devolveranse aqueles importes pagados durante o estado de alarma aos que teñen postos no mercadiño de Marín.

- Taxa por ocupación da vía pública de mesas e cadeiras. Devolveranse todas as taxas pagadas durante o estado de alarma e haberá unha exención total do pago das terrazas durante o período 2020-2021.

- Taxa por servicio de mercado. Devolveranse aquelas taxas pagadas durante o estado de alarma e quedará conxelada a emisión de novas taxas namentres siga en vigor a situación de alarma.

- Concesións do Concello. Nestes casos, como pode ser o quiosco de Briz, o bar de Portocelo, a piscina municipal ou os albergues de Cadro e o ecoparque, devolveranse os importes cobrados ás empresas concesionarias.

De xeito xenérico, no que respecta aos impostos que si hai que abonar, haberá unha ampliación dos períodos de pago voluntario ao máximo permitido por lei. Polo tanto, pasará de ser de 2 meses, como é habitual, a 4 ou 6 meses. Ademais, o Concello estudará a posibilidade de fragmentar o pago das taxas e dos impostos ao máximo permitido sen cobro de xuros.

Ademais destas medidas, desde o Concello de Marín anúnciase o lanzamento nos próximos días dunha importante campaña de visibilización e apoio ao tecido produtivo local.