O medo e a diversión regresarán á Finca de Briz polo Samaín

Marín
13 de outubro 2025

A concelleira de Festas de Marín presentou a imaxe do cartel xunto coa Fundación Juan XXIII. Xa se mantiveron varias reunións cos colectivos que colaboran no desenvolvemento da festa

Samaín na Finca Briz, en Marín

O medo e a diversión regresarán a Marín o venres 31 de outubro cunha nova edición do Samaín da Finca de Briz.

O Concello de Marín xa está inmerso en toda a planificación e a concelleira de Festas, Marián Sanmartín, presentou este luns a imaxe do cartel xunto coa Fundación Juan XXIII.

A concelleira xa mantivo varias reunións cos representantes dos colectivos e entidades que colaboran na festa. Ademais da Fundación Juan XXIII, colaboran as comparsa Os da Caña, Cor Café, Val do Lérez, As Sonecas e A Pandilla e o Club Deportivo La Peña.

Tal e como adiantou a concelleira, este ano regresan as rutas do terror, ás que haberá que acceder facendo cola, pero tamén haberá percorridos de acceso libre por toda a finca con distintas estacións do medo.

Presentacion do Samaín Briz 2025Concello de Marín

Os espectáculos da lagoa principal terán dous pases e serán de temáticas relacionadas co Samaín.

Ademais, a zona do PequeSamaín, que volverá ubicarse no Auditorio, contará coa decoración de espantallos, realizados en colaboración coas persoas usuarias dos centros de día de Marín. Desde o Concello animan aos peques que sigan esta temática nos seus disfraces.

A concelleira explicou que desde o Concello tamén animaron aos comercios e ás comunidades de veciños da contorna a que se sumen á decoración deste día, "no que transformamos Briz nun auténtico parque do terror". 

O Concello destinará a esta festa 50.000 euros, contando cunha subvención da Deputación de Pontevedra de cerca de 25.000 euros. Esta contía destínase a pagar a todas ás entidades colaboradoras, á loxística, ás actuacións e espectáculos e á xestión do PequeSamaín, con monitorado.