Melloran a accesibilidade e seguridade do CEIP Tenorio coas obras de humanización das beirarrúas e escaleiras

Cerdedo Cotobade
25 de agosto 2024

A Consellería de Educación inviste máis de 40.000 euros no proxecto de humanización e remodelación das beirarrúas e as escaleiras do recinto escolar do CEIP de Tenorio, ademais da substitución das baldosas por unha senda peonil en formigón máis segura

 

Obras no CEIP de Tenorio Concello de Cerdedo-Cotobade

A Consellería de Educación inviste máis de 40.000 euros no proxecto de humanización e remodelación das beirarrúas e as escaleiras do recinto escolar do CEIP de Tenorio, ademais da substitución das baldosas por unha senda peonil en formigón máis segura.

Esta intervención, que xa está en marcha, busca mellorar a accesibilidade, a seguridade e cambiar o aspecto actual por outro máis acorde co centro.

Indican desde o Concello que as beirarrúas, que presentaban un aspecto moi deteriorado con losetas danadas, serán substituídas por un pavimento de formigón raiado e piconado en cor marrón. Terá unha superficie duns 59 metros cadrados.

O alcalde, Jorge Cubela, subliñou que "estas melloras incrementarán a seguridade dos escolares e integrarán esteticamente o recinto coa senda peonil existente, reforzando o uso educativo, deportivo e de lecer da zona".