Case a metade do alumnado do curso 'Atención ao cliente en supermercado' logrou a inserción laboral

Poio
16 de abril 2025
Actualizado: 13:35

Cunha duración de 100 horas, incluíu clases teóricas na Casa Rosada e prácticas non laborais en Supermercados Froiz

Entrega de diplomas do curso atención ao cliente en comercios e supermercados
Entrega de diplomas do curso atención ao cliente en comercios e supermercados / Concello de Poio

O curso de atención ao cliente en comercios e supermercados organizado polo Concello de Poio e a fundación Acción Contra el Hambre facilitou a inserción laboral de case a metade do seu alumnado.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, fixo entrega este mércores dos diplomas ás 16 persoas que completaron a súa formación, durante 100 horas, entre a Casa Rosada e as prácticas non laborais en Froiz.

Unha formación gratuíta e experiencia que abre unha oportunidade real ao mundo laboral, segundo salientou Moldes, que recordou que "supoñen unha diferenciación clara á hora de optar a un posto laboral".

Nesta liña, apunta que o resto do alumnado tamén ten opcións claras de ir incorporándose ao mundo laboral ao longo das próximas semanas.

A formación, a capacitación e a profesionalización son fundamentais para seguir abrindo portas, tal e coma destacou ao alcalde que agradeceu o compromiso de todo o alumnado: "esas gañas, implicación, motivación e ilusión foron fundamentais para que acabedes este curso cun contrato laboral".

O curso desenvolveuse durante o último mes na Casa Rosada. Unha formación que completou todas as prazas dispoñibles. Foi unha formación gratuíta para o alumnado, tivo unha duración de 100 horas, das que 60 horas foron prácticas non laborais en supermercados Froiz.

Esta formación completou a oferta de cursos que se están desenvolvendo desde o Concello de Poio, dirixidos de xeito especial para persoas en situación de desemprego e que, anuncian, seguirán organizándose ao longo do ano con propostas novas.

Nesta liña, tamén se organizou, en colaboración coa fundación Acción Contra el Hambre outro curso de especialista en carnicería e charcutería, cunha importante inserción laboral.