Despois dunha longa noite na que os peregrinos chegaron ao santuario dos Milagres de Amil desde todos os puntos da provincia, este domingo a famosa romaría de Moraña viviu a súa xornada grande. Desde as seis da mañá repetíronse misas rezadas cada hora, ás 11.00 horas foi a quenda da habitual misa en galego e ás 13.00 horas oficiouse a misa solemne e chegou o momento central do día: a procesión polo campo do santuario.
A Virxe saíu en procesión co seu manto sementado de billetes, como é habitual, e miles de devotos mostráronlle todos os seus respectos baixo un sol de xustiza. Xa pola tarde, as misas estaban programadas ás 17.00 e 18.00 horas, ás 19.00 horas terá lugar a misa de despedida dos romeus e ás 20.00 horas a última misa do día.
Os actos litúrxicos continuarán o vindeiro sábado 17 de setembro ás 10.00 e 12.00 horas, e pola tarde con misas ás 17.00, 18.00, 19.00 e 20.00 horas. Xa o domingo 18, será o día grande en honra á nosa Señora de Guadalupe, con misas desde as 8.00 da mañá e a misa solemne con procesión ás 13.00 horas. Pola tarde será a quenda das tradicionais poxas das ofrendas en especie ás 17.00 horas e haberá misas ás 18.00, 19.00 e 20.00 horas.