Todos os militares da Brilat que formaron a Brigada Líbano XXX regresaban este mércores ao aeroporto de Lavacolla en Santiago de Compostela ao redor das 06.30 horas da mañá.
Un total de 215 militares chegaban co xeneral Antonio Romero, xefe da Brilat, procedían desta misión desenvolta durante os últimos meses. O xeneral González Valerio, xefe da División Castillejos, atopábase a pés de pista para recibir ao destacamento.
A esta recepción tamén acudían Rafa Domínguez e José Manuel Torres, os candidatos do Partido Popular e de Vox á alcaldía de Pontevedra. Alí felicitaron aos militares polo labor desempeñado.
REGRESO DE MALI
Outra dotación de militares, formada por 120 efectivos da Brilat, chegaban a última hora da tarde deste martes ao aeroporto de Peinador en Vigo. Neste caso, procedían de Mali despois de seis meses despregados en Zona de Operacións.
Alí proporcionaron ao exército maliano adestramento militar e asesoramento nas cadeas de mando e control, loxística e xestión de recursos humanos, ademais de coñecementos en dereito internacional humanitario.