Monte Vivo creará un anel verde para protexer a cidade e os núcleos rurais

Pontevedra
11 de outubro 2019

Enmarcado nesta nova estratexia, o plan busca dignificar o monte, loitar contra os incendios desde a perspectiva da prevención e transformar o monte nun recurso sustentable, diversificando as plantacións e promovendo espazos de lecer e accións para que a xente "se achegue, o coñeza e o valore"

Terrenos que ocupará o parque forestal da Tomba
Terrenos que ocupará o parque forestal da Tomba / Mónica Patxot

Pontevedra dá un paso máis no programa Monte Vivo. O goberno municipal, en coordinación coas comunidades de montes, creará un anel verde de protección para todo o concello, tanto para a cidade como para os núcleos rurais.

Esa será unha das liñas de traballo de Monte Vivo que, a partir de agora, fusiónase dalgún xeito coa iniciativa Efecto PO2, para reforzar o compromiso ambiental do Concello. O edil responsable de montes e parques forestais, Alberto Oubiña, presentou este venres o "trazo groso" dun programa que acadará neste mandato unha "nova dimensión".

Enmarcado nesta nova estratexia, o plan busca dignificar o monte, loitar contra os incendios desde a perspectiva da prevención e transformar o monte nun recurso sustentable, diversificando as plantacións e promovendo espazos de lecer e accións para que a xente "se achegue, o coñeza e o valore".

"Non será un traballo sinxelo, nin rápido e tardarán en verse os froitos, pero é un traballo necesario, que debe facerse de forma continuada, constante e, o máis importante, de xeito ordenado", asegurou Oubiña.

A recuperación de sendas forestais e rurais será unha das liñas de traballo. Estas vías, que o edil cualificou como os "capilares" que atravesan o monte pontevedrés e pasan por espazos públicos e montes comunais, serán arrombadas para o ocio e o deporte. Ademais, esta rede sumarase á ruta circular interparroquial que se creará cos fondos europeos EDUSI.

As "veas" deste proxecto serán os parques forestais do Pontillón do Castro, A Tomba e A Fracha, nos que se crearán espazos de lecer ao aire libre alternativos e nos que se diversificará a produción forestal e os usos económicos do monte.

As accións que se acometan en colaboración coas comunidades de montes serán, en todo caso, as "arterias" do proxecto. Os comuneiros, recordou Oubiña, traballan "diariamente e de xeito voluntarioso" co obxectivo de mellorar as condicións do monte e de facelo rendible e usable, unha perspectiva que "coincide cos nosos intereses".

Entre os grandes retos que afronta Monte Vivo, segundo o edil do BNG, está especialmente o caso dos incendios que, polo abandono do rural e o descoido do monte, agora son "máis virulentos, máis rápidos e máis perigosos".

Para afrontar esta situación falou da necesidade imperiosa dunha "política forestal diferente fóra do monocultivo de especies foráneas, de crecemento rápido e de alto risco de incendio", polo que avanzou que se estudará unha liña de subvencións para animar aos comuneiros a erradicar o eucalipto e outras especies invasoras dos montes de Pontevedra, optando por árbores autóctonas.