Montecelo dará un paso adiante na detección do cancro de mama cos novos equipos de mamografía dixital

Pontevedra
22 de agosto 2025

Os novos equipos estarán dotados de imaxe dixital de alta resolución e tecnoloxía dixital 3D (tomosíntesis)

Mamografía
Mamografía / Sao Paulo

O Portal de Contratos de Galicia acaba de anunciar unha importante licitación, valorada en 1.693.758 euros, destinada a mellorar o diagnóstico do cancro de mama en varios hospitais do Servizo Galego de Saúde, incluído o Hospital Montecelo.

Con esta iniciativa, búscase reforzar a atención sanitaria a todas as mulleres galegas, dotando aos centros hospitalarios de equipos de última xeración para a realización de mamografías e o seguimento clínico dos casos.

Os novos dispositivos incorporarán tecnoloxía de imaxe dixital de alta resolución e tomosíntese 3D, unha técnica que mellora notablemente a detección do cancro ao reducir a superposición de tecidos.

Isto non só permite identificar mellor posibles anomalías, senón que tamén diminúe a necesidade de realizar biopsias innecesarias.

Ademais, estes equipos contarán con funcións avanzadas como imaxes sintetizadas sen aumento da dose de radiación e a posibilidade de realizar mamografías con contraste, o que reduce a necesidade de probas adicionais como as resonancias magnéticas.

Tamén se inclúen sistemas de guiado para biopsias en 2D, 3D e con contraste, así como estacións de revisión con software de apoio para facilitar o traballo dos especialistas.

O contrato terá unha duración de dous meses a partir da súa formalización, e as empresas interesadas en participar nesta licitación poderán presentar as súas propostas até o 8 de setembro.

Un investimento crave para seguir avanzando na prevención e detección precoz do cancro de mama en Galicia.