Montecelo, primeiro hospital en España con aseos adaptados para pacientes ostomizados

Pontevedra
10 de febreiro 2017

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, que visitaba o centro hospitalario anunciou que este modelo xa en funcionamento en Pontevedra se estenderá a todos os hospitais dependentes do Sergas

Pacientes e o conselleiro de Sanidade no aseo adaptado
Pacientes e o conselleiro de Sanidade no aseo adaptado /

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado do xerente dos hospitais de Pontevedra, José Manuel González Álvarez, visitaba na mañá deste venres o hospital Montecelo, sen convocar os medios de comunicación, para comprobar o resultado final da instalación do primeiro aseo adaptado para pacientes ostomizados nun centro hospitalario en España.

A esta visita acudiron representantes da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidade Inflamatoria Intestinal (ASEII) e da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa de Galicia (ACCU), principais usuarios deste tipo de servizos. 

O aseo adaptado atópase preto da entrada principal do centro hospitalario e consta dun equipo de baño colgado, de maneira que se poida axustar en calquera cuarto, cunha caixa de rexistro desde que se realizan as conexións de toda a instalación e cunhas medidas de 1,50 metros de alto, 80 centímetros de ancho e 50 de profundidade.

Estes baños contan cun espello para que os pacientes poidan visualizar a bolsa de ostomía cando teñan que manexala. Ademais tamén conta cunha ducha de auga quente sanitaria con regulación e adaptada para que os pacientes disparen o chorro cunha man e poidan ter a outra libre para coller a bolsa. 

A instalación tamén dispón dun mesado para que os pacientes deixen os seus utensilios, un portarrollo de papel hixiénico, un cubo hermético para desfeitos contaminantes e un pequeno banco para que as persoas de pouca altura non teñan impedimento á hora de facer uso do lavabo. Tamén contará cun secador de mans eléctrico.

Na actualidade, este tipo de aseos só existe en países como Xapón ou Brasil. O Sergas ten previsto tomar a Pontevedra como referencia para que o resto de comunidades autónomas sigan o modelo de Montecelo.

Na actualidade, existen ao redor de 2.000 pacientes portadores dunha bolsa de ostomáie na área sanitaria de Pontevedra e do Salnés. Entre as causas atópase a neoplasia de recto ou de colon, a enfermidade de Crohn e as enfermidades inflamatorias intestinais. 

En próximas semanas levará a cabo a instalación doutro aseo adaptado na zona de consultas de ostomía de Montecelo para que o hospital sanitaria axude aos novos pacientes á hora de cambiar a bolsa.