Montes do Morrazo volve á loita contra o parque de Pedras Negras ante a reactivación do concurso eólico

Vilaboa
24 de xaneiro 2014

O colectivo recorda que a persistencia da empresa Enel Green na tramitación do parque eólico "non está absolutamente xustificada" e agarda que a Consellería de Economía e Industria informe desfavorablemente e rexeite finalmente o proxecto do parque eólico e a área eólica de desenvolvemento do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo volve á carga nas súas protestas contra o proxecto de parque eólico de Pedras Negras ante a reactivación por parte da Xunta de Galicia da tramitación de parques incluidos no concurso eólico polo que se asignaron 2.325 megavatios de potencia na modalidade de novas instalacións na comunidade autónoma.

O colectivo recorda que a persistencia da empresa Enel Green na tramitación do parque eólico "non está absolutamente xustificada" e agarda que a Consellería de Economía e Industria informe desfavorablemente e rexeite finalmente o proxecto do parque eólico e a área eólica de desenvolvemento do Morrazo. Afecta directamente aos concellos de Moaña, Marín e Vilaboa e indirectamente a Cangas e Bueu.

O parque eólico de Pedras Negras, cunha asignación de 42 megavatios dentro dese concurso eólico galego, ten, segundo a plataforma, "unha baixa rendabilidade eólica" e afectaría ao espazo natural dos montes do Morrazo, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento provinciais, onde non están autorizados os usos industriais.

O espazo no que se proxecta ten, segundo recorda Montes do Morrazo, hábitats naturais e fauna e flora silvestre de interese, mesmo prioritarios a nivel europeo, e afectaría a nivel paisaxístico a un península densamente poboada entre dúas rías nun espazo costeiro dentro das Rías Baixas que posúe varios espazos naturais protexidos e mesmo a presenza do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

A nivel social e económico afecta, segundo sostén o colectivo, manantiais de traídas de auga veciñais, monte comunal, espazos forestais e áreas recreativas. E a nivel cultural, á área de protección de varios xacementos arqueolóxicos, en especial mámoas e petróglifos.

Ademais, o parque eólico proxectado en Pedras Negras, de 14 aeroxeradores, forma parte dunha área de desenvolvemento eólico meirande a nivel comarcal que abrangue unhas 4300 hectáreas, nas que no futuro podería ser ampliado a 21 aeroxeradores máis entre o monte da Paralaia e arredores de Castiñeiras, cubrindo a totalidade das áreas máis altas do Morrazo a partir dos 400 metros de altitude.