O Concello de Moraña vén de comezar co deseño e organización dun programa seguro dende o ámbito sanitario para a celebración de actividades culturais, sociais e xuvenís para os meses de verán co obxectivo de ir incrementando a dinamización do municipio a medida que se vaian superando as fases da desescalada da crise do coronavirus e se recupere a normalidade.
Por este motivo, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e a concelleira de Cultura, Educación e Turismo, Norma Caldas, mantiveron unha xuntanza de traballo coas técnicas municipais destas áreas para perfilar as iniciativas que se poderán desenvolver no trimestre que abrangue o período entre xuño e agosto, tendo en conta que no vindeiro mes xa poderían ter rematado as tres fases da desescalada.
A intención do goberno local pasa por deseñar un programa "respectuoso de xeito estrito coas normas sanitarias e coas medidas de seguridade, pero que permita que o concello recupere o pulso social, xa que elo repercutirá positivamente no benestar cidadá e tamén na economía local", segundo explicou a rexedora.
En principio, as iniciativas que se están comezando a barallar, e que se concretarán ao longo do presente mes de maio, pasan pola organización de rutas de sendeirismo para veciños de todas as idades, xa que son ideais ao celebrarse ao aire libre e permitir o mantemento da distancia social; o desenvolvemento de accións virtuais, tecnolóxicas e telemáticas; a celebración de espectáculos musicais e culturais cos correspondentes protocolos; ou a posta en marcha de proxectos para a mocidade.
"Todo vai depender da evolución da pandemia, que poderá permitirnos facer máis cousas ou menos, pero queremos sentar as bases, coa máxima prudencia, para recobrar a nosa vida e por iso xa comezamos a traballar nelo", detallou Piñeiro.
Outro tipo de iniciativas habituais nos meses estivais, engadiu, "van estar supeditadas á situación sanitaria, as directrices do Goberno e das autoridades da materia e a propia responsabilidade que temos e nos esiximos no Concello".