43.000 persoas percorreron o pasado ano o Camiño Portugués a Santiago. E todos eles tiveron que atravesar un "punto negro" neste itinerario polo seu perigo para a seguridade viaria. Trátase do paso pola estrada PO-225, no lugar de San Caetano (Alba).
Por iso, Jacobo Moreira presentará este venres no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a "erradicar" este problema nun lugar en que "apenas existen aceras" o que supón un "peligro" para os peregrinos que transitan diariamente por el.
O deputado do PP propoñerá incluír esta actuación no Plan de Sendas de Galicia, no que Pontevedra é un ámbito "prioritario", segundo Moreira, definindo unha solución técnica que permita resolver este problema de seguridade viaria.
"El objetivo es proteger el Camino Portugués y a los peregrinos que anualmente pasan por el Concello de Pontevedra", explicou o dirixente popular, mellorando a seguridade deste tramo, "ganando todos, no solo los peregrinos, sino también los vecinos del lugar y los pontevedreses que a menudo se desplazan por este vial".
LORES RECLAMA A VARIANTE DE ALBA
"Doulle á benvida ao señor Moreira á cofradía dos defensores da seguridade viaria do Camiño Portugués, aínda que sexa tarde, mal e arrastro", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tras coñecer o contido desta proposición que presentará o PP no Parlamento, que o rexedor enmarca na proximidade das eleccións autonómicas porque os populares "lle viron o cú á curuxa".
Aínda que matizou que "aprobamos proxectos de todo tipo" e que "se asinamos, algún se fará", Fernández Lores lembrou que todos estes problemas resolveríanse coa construción da Variante de Alba, estrada que a Xunta "retirou" do Plan MOVE e que foi unha das actuacións que o alcalde demandou a Feijóo na súa última entrevista, celebrada en Santiago hai case un ano.
Ese viario permitiría, segundo Lores, desviar o tráfico rodado cara a unha nova estrada de dous carrís que teña ademais beirarrúas suficientes para habilitar un paseo ciclista e peonil. Este proxecto custaría a metade dos 8 millóns nos que a Xunta cifra unha variante de catro carrís que "non tería sentido", polo que reiterou que non comprometerse con esta actuación é un problema de "prioridades políticas".