Mourente asegura que o novo abastecemento de auga causará "dano gratuíto" no monte veciñal

Pontevedra
12 de xaneiro 2013

O trazado proposto por Acuanorte para o novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría non gusta á Comunidade de Montes de Mourente. Asegura que causará un "grave e gratuíto dano" ao monte veciñal, deteriorando os seus usos e aproveitamentos

O trazado proposto por Acuanorte para o novo abastecemento de auga a Pontevedra e a súa ría non gusta á Comunidade de Montes de Mourente. Asegura que causará un "grave e gratuíto dano" ao monte veciñal, deteriorando os seus usos e aproveitamentos. A súa oposición, que se materializará en forma de alegacións ao proxecto, provócaa sobre todo a instalación dun depósito de auga nas inmediacións dos restos dun castro.

Denuncian que a localización prevista, situada a 350 metros do Castro de Mourente, incumpre o actual plan de urbanismo, que establece unha zona de protección de 500 metros arredor do citado castro. Aseguran ademais que unha mámoa descuberta hai máis dun ano, en proceso de estudo e catalogación polo Concello de Pontevedra, está situada apenas a 60 metros de onde está prevista a instalación do depósito.

"Todos estes achados confiren á zona unha grande relevancia arqueolóxica que pode aportar datos importantes sobre a prehistoria de Pontevedra cando se escave convenientemente, labor que está pendente", afirma Carlos Morgade, presidente da comunidade de montes, que recorda que tamén nas proximidades desta zona hai un petroglifo do que consta noticia no Museo de Pontevedra.

As alegacións dos comuneiros referiranse tamén ao trazado polo monte veciñal previsto no proxecto. Consideran "inadmisible" que se proxecte a instalación das tubaxes necesarias paralelas aos camiños e non debaixo deles, "causando así un dano evitable ao monte e deteriorando gravemente os seus usos e aproveitamentos".

Do mesmo xeito alegará contra o trazado aéreo da subministro eléctrico, que atravesará gran cantidade de fincas e parcelas forestais, "causando un grande impacto de xeito gratuíto, por canto nas proximidades xa existen polo menos dúas liñas eléctricas con capacidade suficiente para proporcionar o subministro eléctrico preciso".

Considera a Comunidade de Montes de Mourente que o proxecto presentado ten como criterio preferente o do aforro económico das obras, "a costa dun maior dano social sobre bens de particulares e patrimonio histórico dos cidadáns de Pontevedra". Neste sentido, os comuneiros consideran "inexplicable" a actitude do Concello de Pontevedra, "que neste asunto está dando a calada por resposta senón é para dicir que o proxecto é importante para Pontevedra".

Di Carlos Morgade que non entenden a actitude pasiva do goberno municipal ante un proxecto que vulnera o PXOU de 1989 no tocante á protección do Castro de Mourente, "nin que estea disposto a tragar coa destrución dun patrimonio arqueolóxico á que noutras ocasións se opuxo con todas as forzas". Agardan que o castro non sexa un segundo exemplo (citan o Carballo de Santa Margarida como o primeiro), de "patrimonio abandonado pola desidia municipal".