A Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra, desarticulou un armazón empresarial presuntamente dedicado á comisión de delitos de estafa e branqueo de capitais.
Nesta operación, denominada Bipesca, a Garda Civil investiga unha letrada de 29 anos, colexiada en Pontevedra, por recibir na súa conta bancaria importantes sumas de diñeiro procedentes dos feitos delituosos, participando de forma activa no delito de estafa.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a investigación iniciouse por mor dunha denuncia presentada a finais do pasado ano por unha empresa viguesa do sector de produtos do mar conxelados que denunciou ser vítima dunha estafa tras recibir un pedido por valor de 90.000 euros, formalizado a través dun pagaré a 60 días que resultou non ser válido.
A empresa compradora, con sede en Zaragoza, contactara a través de correos electrónicos para realizar a operación.
Durante as primeiras pescudas descubriuse que esta mesma empresa, xa utilizara o mesmo modus operandi con outra empresa do sector en Caldas de Reis, nun caso anterior, por valor de 15.000 euros.
O produto adquirido era posteriormente revendido a outras empresas do mesmo sector a un prezo inferior, o que permitía obter un beneficio económico rápido. As ganancias eran transferidas a contas bancarias dixitais situadas en distintos países europeos, facilitando así o proceso de branqueo de capitais.
Ademais, os investigadores detectaron que unha empresa de financiamento tamén fora vítima desta rede, tras conceder un préstamo de 8.000 euros que nunca foi devolto.
A empresa implicada nos feitos operou inicialmente de forma legal, pero posteriormente comezou a realizar modificacións para ocultar as súas actividades ilícitas e dificultar o seu rastrexo. Entre estas accións inclúese o cambio de denominación social cara a unha máis vinculada ao sector marítimo para xerar confianza, o traslado ficticio da súa sede a Zaragoza, e a substitución do seu administrador, pasando a figurar unha persoa de nacionalidade brasileira con residencia en Portugal.
Grazas á análise dos movementos bancarios, e datos asociados ás contas, puideron desmantelar esta estrutura empresarial e financeira, articulada para cometer delitos de estafas e branqueo de capitais.
O grupo estaba liderado por un home de 45 anos, veciño da localidade ourensá de Melón, que foi detido a finais de xaneiro, practicándose un rexistro no seu domicilio onde se atopou documentación relevante para a investigación e posto en liberdade á espera de celebración de xuízo.
Ademais da avogada pontevedresa, a Garda Civil tamén investiga un cidadán portugués de 30 anos, suposto administrador da empresa, para o que se solicitou unha Orde Europea de Investigación ás autoridades do país veciño.
O delito de branqueo susténtase na existencia de todas as fases características do proceso: colocación do diñeiro en efectivo, fraccionamiento (incluíndo préstamos a particulares con fondos ilícitos), transformación do capital e investimento final, dificultando así o seu rastrexo e legalización.
As dilixencias foron postas a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 6 de Vigo.