O Concello de Soutomaior deu luz verde este venres a unha nova ordenanza municipal que regulará a convivencia cidadá e o uso dos espazos públicos.
A normativa, aprobada cos votos a favor do goberno local e a abstención da oposición, establece sancións que oscilan entre os 100 e os 800 euros para comportamentos incívicos como tirar cabichas ao chan, non recoller os excrementos dos animais ou depositar residuos en lugares non autorizados.
A ordenanza articúlase en tres eixos fundamentais: a conservación dos espazos e mobiliario urbano, a regulación do uso privativo das zonas públicas e as obrigas dos propietarios de animais domésticos.
As sancións aplicaranse en función da gravidade das infraccións e a súa reiteración.
"Na súa gran maioría, os veciños e veciñas de Soutomaior mostran un comportamento exemplar. Con esta ordenanza buscamos que a sociedade non teña que pagar por aquelas poucas persoas que se saen da tónica do noso concello", explicou o alcalde Manu Lourenzo.
O rexedor destacou que a normativa xurdiu tras consultar co tecido asociativo, cultural e económico do municipio.
O rexedor subliñou que se trata dun "documento vivo" aberto a modificacións que beneficien á veciñanza e impulsen o civismo.
A medida busca non só mellorar a convivencia diaria, segundo o goberno local, senón tamén beneficiar ao comercio local e reforzar a imaxe exterior do municipio.