O Nadal de Figueirido volve ser sinónimo de artesanía

Pontevedra
22 de decembro 2025

Seis casetas de madeira instaladas polo Concello e agrupadas por tipoloxías para facilitar a visita e a elección de produtos ofrecen propostas artesanais e gourmet para todos os gustos

Mercadiño artesanal de Nadal en Figueirido
Mercadiño artesanal de Nadal en Figueirido / Concello de Vilaboa

Ata o próximo 6 de xaneiro, once propostas participan na quinta edición do mercadiño de Nadal de Figueirido con artigos que transmiten talento, creatividade e calidade.

Seis casetas de madeira instaladas polo Concello e agrupadas por tipoloxías para facilitar a visita e a elección de produtos ofrecen propostas artesanais e gourmet para todos os gustos.

Trátase de agasallos elaborados por artesáns que basean na calidade, o coidado polo detalle e a diferenciación a súa loita diaria fronte ao produto estandarizado e ás importacións sen valor.

Entre os expositores destacan ERRE3 - Laura Filgueira, con produtos gravados en madeira, caixas personalizadas, chaveiros, decoración e artigos de segunda man; ou Obradoiro Hedras - Pilar Blanco, especializada en xoiería artesanal, con pendentes, colares, aneis e pulseiras únicas.

A oferta gastronómica chega da man de Alcrique, que pon á venda produtos galegos gourmet e artesáns como marmeladas, queixos, patés, mel, licores e lotes especiais para agasallo.

Mercadiño artesanal de Nadal en Figueirido
Mercadiño artesanal de Nadal en FigueiridoConcello de Vilaboa

Na mesma caseta participan tamén Teresa Míguez, con xoias, chaveiros personalizados e figuras impresas en 3D, e Uxía Pintos, que achega obxectos decorativos de xeso, adornos de Nadal e velas artesanais aromáticas.

Por primeira vez incorpórase ao mercadiño Celia Amoedo Rodríguez, que comparte espazo con ERRE3 e presenta decoración de Nadal feita á man, incluíndo coroas, centros e pequenos detalles para o fogar.

Completan a oferta Alba Expósito, Guadalupe López e Natalia González, con artesanía variada: pezas de ganchillo, bonecos, decoración navideña, manualidades e detalles personalizados.

A iniciativa, organizada polo Concello de Vilaboa, busca dar visibilidade ao traballo creativo e artesanal de emprendedores e emprendedoras do municipio, así como promover a compra de agasallos de proximidade.

Mercadiño artesanal de Nadal en Figueirido
Mercadiño artesanal de Nadal en FigueiridoConcello de Vilaboa

A asociación de veciños de Figueirido mantén ademais un posto propio no que se serve chocolate quente, un dos atractivos máis concorridos destas datas.

Unha das casetas está destinada á recadación para a excursión de fin de curso do alumnado dos colexios de Toural e Riomaior, que ofrecen artigos elaborados polas familias e polo propio alumnado.

O mercadiño permanece aberto en horario de tarde, ata las 21:00 horas, entre semana, con posibilidade de que se amplíe nas xornadas de maior afluencia.

Arquivado en