A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) lanza unha chamada urxente á solidariedade dos galegos e galegas para reforzar as doazóns de sangue tras o período festivo do Nadal.
A situación require especial atención debido ao incremento das enfermidades estacionais, como a gripe, que adoitan impedir temporalmente as achegas de moitos doantes de sangue habituais.
Os hospitais galegos precisan diariamente entre 400 e 500 doazóns para manter o seu funcionamento normal e garantir a atención sanitaria a todos os pacientes que o necesiten.
Estas doazóns son fundamentais para intervencións cirúrxicas, tratamentos oncolóxicos e outras urxencias médicas que non poden esperar.
Para facilitar as doazóns, ADOS despregará as súas unidades móbiles por diferentes localidades da zona de Pontevedra nos vindeiros días:
Venres 10 e sábado 11: Marín
Luns 13: O Grove
Martes 14: Clavo (Caldas de Reis) e Portas
Mércores 15: Zona da Ferrería (Pontevedra)
Cómpre lembrar que doar sangue é un xesto sinxelo que pode salvar vidas.
Cada doazón pode axudar ata tres pacientes diferentes, xa que o sangue sepárase en diferentes compoñentes (glóbulos vermellos, plaquetas e plasma) que poden ser utilizados segundo as necesidades específicas de cada caso.
A doazón é un proceso seguro, sinxelo e rápido que apenas leva 15 minutos, ademais do tempo necesario para cubrir un breve cuestionario médico.
Os requisitos básicos para ser doante son ter entre 18 e 65 anos, pesar máis de 50 quilos e gozar de boa saúde.