Malestar pola negativa no Parlamento galego a recuperar a terceira unidade de Infantil no CEIP San Clemente

Umia
27 de setembro 2025

A ANPA do centro escolar insiste en que os dous grupos actuais superan a ratio legal e critican a "barbaridade pedagóxica" que supón

Acto de protesta da comunidade educativa do CEIP San Clemente
Acto de protesta da comunidade educativa do CEIP San Clemente / Comunidade educativa CEIP San Clemente

A comisión de Educación do Parlamento de Galicia rexeitou este venres a proposta da deputada socialista Paloma Castro para restituír a terceira unidade de Educación Infantil do CEIP San Clemente de Caldas de Reis.

A iniciativa contou co respaldo do BNG pero foi tumbada pola maioría absoluta do Partido Popular.

A ANPA San Clemente responde ás declaracións da deputada popular Felisa Rodríguez, que negou na comisión os problemas do centro para asegurar que o colexio ten "ratios moi baixas".

A asociación de pais e nais insiste en que os dous cursos de Infantil superan a ratio legal de 14 estudantes para agrupamentos de diferentes idades, cunha media de 15 escolares por aula.

O colectivo denuncia que a eliminación da terceira unidade o curso pasado, cando había 29 escolares matriculados, obrigou a romper o grupo de nenos e nenas de 4 anos que compartiran aula anteriormente.

Os catro maiores foron escolarizados co alumnado de 5 anos e os catro pequenos coa rapazada de 3 anos, unha medida que o propio claustro considera unha "barbaridade pedagóxica".

A ANPA recorda que a Consellería de Educación tivo tres oportunidades de recuperar a unidade: tras recoñecer o "erro administrativo" inicial, despois da petición unánime do pleno municipal de Caldas e ao cumprir o compromiso escrito feito á Valedora do Pobo. O incumprimento deste último acordo provocou mesmo a dimisión da secretaria do centro.

A asociación conclúe que a decisión de non restituír a unidade "non é técnica" senón "unicamente política", malia o respaldo do inspector e de César Pérez Ares, xefe territorial de Pontevedra.