Os doutores Sorriso son artistas que, a través do humor e a creatividade, transforman a experiencia hospitalaria dos nenos, proporcionando momentos de alegría e distracción.
Esta iniciativa é levada adiante pola Fundación Theodora dende 1993. A entidade, radicada en Suíza, conta con 36 doctores Sorriso en España e 3.000 en todo o mundo.
Entre eles, un veciño de Poio, Nelson Quinteiro, que non só leva o seu arte aos hospitais, senón que tamén comparte a súa experiencia na universidade, nun próximo curso que impartirá na Universidade a Distancia (UNED).
Nelson, como comezaches a túa andaina como artista de hospital?
Eu sempre digo aos meus alumnos un dito que di que "a pelota sempre busca ao xogador", e que o universo ten un plan. A min, todo comezou cando fun a un festival de pallasos en Fuerteventura, onde presentaba o meu espectáculo Pequeño cabaret infantil.
Alí, coincidín con Daniel Mesa, que é o Doctor Yo, e con Pascual Bergamoto, que é o Doctor Pascualón. Eles viron o meu traballo e díxeronme que eu era un Doutor Sorriso en potencia. A partir de aí, propuxéronme participar nun casting para a Fundación Theodora.

O proceso foi bastante rigoroso e exixente, unha selección moi detallada para comprobar se tiña as aptitudes que buscan, como a empatía, a flexibilidade, humor branco ou a capacidade de improvisación.
Despois de superar o casting, en decembro de 2017, comezou un proceso formativo que durou un ano, no que aprendín non só habilidades artísticas senón tamén aspectos psicolóxicos e de sensibilidade necesarios para este traballo.
Cal é a diferenza entre ser un artista de hospital e un pallaso de hospital?
O termo "artista de hospital" abrangue un enfoque moito máis amplo que o de "pallaso". Os primeiros pallasos que entraron en hospitais fixérono nos anos 70 e 80, como Patch Adams e Michael Christensen, pero a evolución da profesión é relativamente nova.
Ser "artista de hospital" implica non só utilizar a linguaxe do clown, senón integrar diferentes disciplinas cun fin terapéutico, como a música, a maxia ou a arteterapia, que son moito máis reguladas e teñen un rigor académico. É un enfoque multidisciplinar que busca sempre o benestar do paciente.

Como é o día a día do teu traballo como artista de hospital?
A Fundación Teodora vai ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo todos os martes pola tarde de 4 a 7 e ao CHUS de Santiago todos os mércores de 4 a 7, onde visitamos habitacións de pacientes de entre cero a 18 anos.
O meu traballo é multidisciplinar e sempre parte dunha estrutura organizativa dun hospital. A Fundación organiza as visitas, que se programan en función da dispoñibilidade e dos convenios co Sergas.
En cada visita, comezamos por caracterizarnos e hixienizarnos, e logo reunímonos co persoal de enfermería para determinar a mellor orde de visita. Durante unha tarde, podo visitar entre 24 e 30 habitacións en intervencións que duran de 2 a 10 minutos.
Cada intervención comeza cunha observación e unha escoita atenta do paciente, e despois aplicamos un tratamento artístico que axude a transformar a atmosfera da habitación.
Cal é o enfoque que segues en cada intervención?
O obxectivo é sempre humanizar a experiencia hospitalaria e aportar benestar. Non se trata de actuar como un pallaso senón de diagnosticar a situación emocional do paciente e adaptar a intervención a esa necesidade específica.
Utilizamos ferramentas que van dende a música ou a psicoloxía ata a arteterapia. Cada paciente é único, e a improvisación é fundamental porque non hai receitas fixas, hai que estar preparado para adaptarse a cada situación.

Por que escolliches o nome de Doutor Logaritmo?
Nós en Fundación Teodora temos que escoller un personaxe que teña, digamos, un argumentario: de onde ven, a onde vai, que é o que fai, cal é a súa rima. "Por que son Doutor Logaritmo? Porque teño moito ritmo". Quixen que reflectise a miña esencia como músico-terapeuta. Tes que ter como un leitmotiv moi claro para entrar nunha habitación e presentarte.
Na habitación dos nenos e nenas entro coa canción de benvida: "Buenas tardes, hola ¿qué tal estás? Yo me llamo Logaritmo y te vengo a visitar, vengo dando vueltas por el hospital, visitando a los pacientes que me quieran escuchaaaar". E tamén temos canción de despedida: "Ha sido bonito estar en esta habitación, el Doctor Logaritmo tiene que decir... Adióoooos".
A intervención atende só os nenos ou tamén inclúe os seus coidadores?
A intervención non remata cos nenos, tamén abarca os coidados e o benestar emocional dos familiares e do persoal sanitario. Cando chegamos a un paciente, non só nos centramos en como se sente o neno ou a nena, senón que tamén é importante preguntar aos acompañantes como están e como se senten. A comunicación aberta e empática cos familiares é esencial, xa que eles tamén están pasando por unha situación difícil e necesitan ser atendidos emocionalmente.
Ao mellor aos pais dun neno oncolóxico, si hai que preguntarlles: "E ti, como estás?" ou "Pero que hai de ti?" Porque ao mellor estase focalizando a familia tanto co neno que nos olvidamos polo camiño de todas as pezas que compoñen ese puzle.
Falas de nenos hospitalizados, queda traballo por facer coas persoas maiores?
Si, definitivamente hai moita materia pendente en relación ás persoas maiores. A atención a este grupo de pacientes, especialmente aqueles con Alzheimer ou en situacións de paliativos, necesita moita máis humanización.
A sociedade ten unha maior sensibilidade cara á pediatría, pero as persoas maiores e as que sofren de dor crónica ou enfermidades graves merecen tamén esa atención e acompañamento. Hai asociacións, pero é importante mobilizar a sociedade para que se preocupe por estas áreas e se busquen formas de introducir a arte e a humanización nos coidados.

Coa xente maior, fixen o ano pasado na Residencia de Campolongo un proxecto de intervención hospitalaria na planta cuarta, que son os que están internos cuasi hospitalizados, con Alzeimer ou demencias moi avanzadas, secuelas dun ictus, xente encamada, moi dependente. Entón, dunha habitación a outra tes a cara e a cruz: dende o paciente que te está agardando e responde á túa presenza e ao tratamento, ata a persoa que lle provoca un tremendo rexeitamento o pallaso ou o artista, porque ao mellor ten unha carga educativa ou social en relación a como te ve e como te percibe como artista. Iso hai que respectalo.
Nós tentamos sempre conectar a través do xogo, que moitos adultos o perderon por cousas da súa vida, e tamén coas cancións de sempre. Por exemplo, en pacientes con Alzheimer os recordos musicais son os últimos que se perden. De feito, en Galicia, a Cantiga de Camariñas é unha pasada o efecto que ten en pacientes maiores para reactivar a memoria, aínda que sexa un pouquiño.
Como é o curso de artista de hospital que vas impartir na UNED a partir do 13 de febreiro?
Este é o quinto curso que dou na UNED e leva por título "Artista de hospital. Teoría e práctica da intervención artística no ámbito hospitalario". A modalidade é online e ofrece a posibilidade de seguir as clases en directo ou en diferido.
Ata agora, pasaron por min xa máis de 200 alumnos. O curso está dirixido a artistas de diferentes disciplinas, como música, danza ou teatro, así como a persoal sanitario que desexe aprender técnicas para aplicar no seu traballo. A idea é proporcionar a formación necesaria para que poidan integrar a intervención artística no contexto hospitalario.
Para finalizar, que consello darías a quen quere adentrarse nesta profesión?
O máis importante é que se autoavaliaran para ver se realmente é a súa vocación. É fundamental que as persoas que desexen traballar como artista de hospital sintan unha verdadeira vocación por axudar os demais a través da arte e se sintan preparadas para afrontar a intensidade emocional que implica.
Recoméndolles que se formen continuamente e que busquen oportunidades de conectar con outros profesionais do sector. É unha profesión delicada que require unha linguaxe e unha sensibilidade únicas, así que é fundamental estar sempre aprendendo e compartindo experiencias. Eu, por exemplo, dentro de dúas semanas vou a Andalucía a traballar no Hospital Virgen del Rocío de Sevilla e no Hospital de Granada, e a partir de marzo, xa me reincorporo aquí.