O programa Noites Abertas estase preparando para a posta en marcha da segunda edición trala pandemia, que marcará un camiño de recuperación e reinvención "máis que interesante".
O edil de Xuventude, Alberto Oubiña, mantivo unha reunión coa técnica municipal de Xuventude, Mirian Viñas, xunto co director de Noites Abertas, Nacho Márquez, co fin de seguir traballando e concretando o programa deste ano.
Segundo indicaron desde o órgano municipal, recibiron 135 propostas distintas por parte dos diferentes promotores (asociacións, particulares...), das que preto de 70 pasaron a preselección.
"O proceso que iniciamos agora, logo desta primeira escolma, é o contacto con todas as entidades, autónomos e profesionais para ir concretando horarios, pechando datas de realización de actividades", explicou o edil, que adiantou que, coma todos os anos, queren que o programa se inicie a comezos do 2023.
Lembrou, ademais, o proceso de cambio que viviu o programa por mor da pandemia, estando "á vangarda e facendo actividades por videoconferencia, cun número de persoas reducido así se fixeron tamén ou aproveitando o espazo público".