A última edición do programa municipal Noites Abertas resultou un "éxito" e supuxo recuperar as cifras de usuarios previas á pandemia da covid 19 e mesmo superar a ratio de persoas por actividade. Neste ano 2024, 2.516 persoas participaron nalgunha das 137 actividades propostas, que contaron con 148 monitores e monitoras.
A dirección de Noites Abertas mantivo unha xuntanza co edil de Xuventude, Demetrio Gómez, para avaliar esta última edición do programa, na que o programa municipal cumpriu 25 anos ofrecendo actividades alternativas de ocio para a mocidade de Pontevedra.
Despois desa reunión, o Concello destacou que Noites Abertas 2024 se desenvolveu "sen incidentes reseñables" e que resultou un "éxito", pois máis do 95 % das actividades programadas contaron coa presenza da mocidade durante a súa celebración.
Segundo o balance municipal, neste edición despegou o Local de Música, no que se cubriron todas as prazas que se ofreceron.
As actividades libres e de lecer alternativo, como badminton libre, tenis de mesa libre ou o Espazo Aberto, funcionaron "de maneira excelente" como espazos seguros e diversos, consolidándose entre a mocidade de Pontevedra.
A dirección de Noites Abertas tamén destaca que este é un "programa máis que asumido por toda a mocidade pontevedresa", que sabe da súa existencia, que o valora, e que ven neste un carácter non discriminatorio, unha presenza equilibrada de xénero e unha asistencia uniforme ao longo de todas as xornadas.
A xuntanza de avaliación tamén permitiu realizaron propostas de mellora. Propoñen a actualización de formación en igualdade para "acadar un nivel aínda máis alto" e traballar en eidos como a mecanización oral da linguaxe igualitaria e non sexista.
Ademais, debateuse a posibilidade de retirar ao público das actividades de fútbol para manter ese espazo seguro e reservado para as persoas de idade de Noites Abertas.
En nome do programa Noites Abertas, os seus responsables expresaron o seu "máis sincero agradecemento" a todas as persoas que formaron parte desta emblemática 25 edición. "É un privilexio contar coa vosa participación, dedicación, ilusión, profesionalidade e entusiasmo. Vós fixestes posible non só o éxito deste edición, senón tamén a continuidade e o crecemento deste proxecto ao longo dun cuarto de século. A vosa contribución a Noites Abertas é inestimable", sinala a dirección.