Non rotundo e unánime de Portas ao trazado da variante oeste de Caldas

Umia
15 de setembro 2025

Nun pleno extraordinario, o alcalde, Ricardo Martínez, destacou que "hoxe demostramos que en Portas as cores políticas non existen cando se trata de defender o noso territorio e á nosa xente"

Pleno do Concello de Portas

O rexeitamento social e político ao proxecto da variante oeste de Caldas de Reis e acceso ao Porto de Vilagarcía continúa a medrar. Este luns, sumou a oposición do Concello de Portas. 

A Corporación celebrou un pleno extraordinario no que aprobou unha declaración institucional respaldada por unanimidade por todos os grupos políticos "en defensa do municipio e da súa veciñanza" fronte ao proxecto publicado no BOE o pasado 17 de xullo.

O alcalde, Ricardo Martínez Chantada, destacou que "hoxe demostramos que en Portas as cores políticas non existen cando se trata de defender o noso territorio e á nosa xente".

Amosouse "orgulloso" da unanimidade acadada e da resposta "exemplar" dos veciños e veciñas

Ricardo Martínez mantivo a pasada semana unha reunión informativa coa veciñanza afectada, escoitou as inquedanzas e recolleu as propostas e demandas de primeira man.

O rexedor está convencido de que "esta batalla só se pode gañar estando todos xuntos e facendo da voz da xente o noso maior argumento" e a reunión tivo unha alta participación. 
 
Agora, a unidade política do pleno apoia as alegacións presentadas polos veciños e veciñas de Portas, que alertan do grave impacto que as alternativas de trazado contempladas (S1, CS-2, C-3a e C-3b) suporían para o concello.

Así, alertan de fragmentación de núcleos rurais, afección a vivendas, terras agrícolas e recursos hídricos, destrución de zonas de cultivo e forestais autóctonas, demolición de infraestruturas e un forte impacto ambiental e paisaxístico. Sinalan que, a pesar deste impacto, non mellora realmente o acceso á AP-9 nin reduce a accidentalidade.

O Concello de Portas solicita á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia e ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible que estuden opcións máis curtas, menos custosas e, sobre todo, respectuosas co territorio e coa veciñanza.

Ademais, reclama que se teñan en conta, con carácter prioritario, as alegacións xa presentadas polos veciños de Portas. "Non imos permitir que a variante da N-640 destrúa o futuro de Portas nin o modo de vida da nosa xente. Estaremos en todas as instancias que faga falta para que esta voz sexa escoitada", insistiu Ricardo Martínez.