Unha nova empresa aluga terreos no polígono de Barro, que se achega ao 80% de ocupación

Barro
24 de xaneiro 2025

27 empresas, coa incorporación de Bespi Inversiones, figuran neste parque empresarial no que permanecen catorce parcelas libres, segundo indicou o presidente provincial Luis López

Instalacións no polígono de Barro Deputación de Pontevedra

O polígono industrial de Outeda-Curro, en Barro, medra empresarialmente coa incorporación de Bespi Inversiones, entidade que ocupará unha parcela de case 7.000 metros cadrados.

 A eempresa asinou un contrato de aluguer con opción a compra por 40.000 euros anuais, segundo informou Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra durante este venres 24.

Con esta nova incorporación, son xa 27 as empresas instaladas neste parque empresarial, onde están presentes firmas destacadas como Froiz, Hijos de Rivera, Mafari, Frutas Moncho, Mariscos Alumar ou Transfrío.

O polígono, que conta cun Viveiro de Empresas, un Centro de Apoio Empresarial e o novo Parque de Maquinaria, mantén aínda 14 parcelas libres, que suman 51.120 metros cadrados dos 264.576 totais destinados a actividades empresariais.

Segundo o goberno provincial, este espazo achégase a unha ocupación do 80% dos seus terreos.

Plano de ocupación do Polígono de Barro a 23 de xaneiro de 2025Deputación de Pontevedra

OUTROS INVESTIMENTOS

En paralelo, a Deputación de Pontevedra aprobou a través da Xunta de Goberno diferentes investimentos para a provincia nesta xornada. Entre eles, destaca a achega de 90.800 euros ao Concello da Lama para a mellora dos vestiarios do pavillón municipal. 

Este investimento permitirá reorganizar os espazos existentes e crear unha nova sala polivalente para a práctica do fitness.

Os catro vestiarios existentes actualmente van pasar a ser dous vestiarios completamente independentes coa súa respectiva zona de duchas e non se compartirán como sucedía ata agora.

Ademais, no marco do Plan +Provincia 2025, aprobáronse as primeiras achegas por valor de 1,7 millóns de euros que beneficiarán a 13 concellos.

Desta cantidade, 171.683 euros destinaranse 1,5 millóns para a contratación de 120 persoas desempregadas en diferentes municipios como A Illa de Arousa, Moraña, Portas, Sanxenxo e Vilaboa, entre outros.

Xunta de Goberno na Deputación de PontevedraDeputación de Pontevedra