Nova limpeza e novo graffiti para combater o "feísmo" arredor do río Gafos

Pontevedra
08 de agosto 2022

Durante este domingo 7 de agosto, o persoal voluntario da asociación ecoloxista Vaipolorío recolleu 90 quilos de lixo no leito do río. Nesta ocasión, colaboraban integrantes da Fundación Juan XXIII de Pontevedra. Ademais, o grafiteiro O'Ras converteu unhas pintadas nunha obra creativa no muíño de Cabanas dentro do programa Ponteverán

Pintadas convertidas nun graffiti artístico por O'Ras no muíño de Cabanas
Pintadas convertidas nun graffiti artístico por O'Ras no muíño de Cabanas / Asociación Vaipolorío

A Asociación ecoloxista Vaipolorío continúa na súa campaña de limpeza do río Gafos. Este domingo 7, un total de 24 persoas voluntarias participaban nunha nova sesión de recollida de lixo do leito deste río. Nesta xornada recollíanse 90 quilos de residuos espallados por este espazo natural.

Como noutras edicións, nesta ocasión integrantes da Fundación Juan XXIII colaboraron nesta acción. O domingo anterior, coa colaboración de mozas do Centro de Reeducación Avelino Montero, capturáronse 105 quilos de lixo.

A campaña de limpeza continuará durante todos os domingos deste mes de agosto. Para participar só é necesario levar botas altas e roupa adecuada para esta actividade ecoloxista e comunicar o interese en participar antes de cada venres deste mes no teléfono da asociación Vaipolorío: 676.842.942.

GRAFFITI NON MUÍÑO DE CABANAS

Dentro das actividades que a asociación desenvolve dentro do programa Ponteverán, financiado polo Concello de Pontevedra, Vaipolorío anuncia a creación efectuada polo artista gráfico O'Ras no muíño de Cabanas.

Este graffitero, que dirixe actividades con escolares, elaborou unha imaxe dun home maior na porta do muíño onde hai unhas semanas habían aparecido pintadas. 

Con estas accións, Vaipolorío leva tres anos loitando contra o "feísmo" na contorna deste espazo natural vinculado ao río Gafos.