Nova mexillonada popular este martes na celebración de San Bieito de Lérez

Pontevedra
11 de xullo 2023

Ás 12 horas Pousos na Area ofrecerán uns pasacalles pola parroquia de Lérez, xunto cos Gaiteiros das Rías Baixas que visitarán toda a zona coa intención de recuperar esta tradición musical. Tamén está prevista a degustación de mexillóns gratuíta na praia fluvial mentres no mosteiro vai desenvolverse a celebración relixiosa coa presenza de milleiros de devotos

Mosteiro de San Bieito de Lérez
Mosteiro de San Bieito de Lérez / Cristina Saiz

O 11 de xullo, San Bieito de verán, festivo local, toda a parroquia de Lérez vístese de festa. 

O Concello de Pontevedra organiza, un ano máis, actividades na contorna do río. Xa de mañá, ás 10.30 horas, a música da agrupación Os Alegres animará a contorna do mosteiro, onde está previsto que ás 07.00 horas comecen as cerimonias relixiosas. A misa solemne será ás 13.00 horas coa tradicional procesión e a presenza de miles de devotos do santo "máis milagreiro".

Nunha carpa ofrecerase sombra a aquelas persoas que se acheguen a gozar da romaría popular, que se iniciará ás 11.30 horas na contorna da praia fluvial do Lérez.

Ás 11.45 horas actuarán os Gaiteiros das Rías Baixas e tamén Os Alegres. E a partir das 12.00 horas está previsto un pasacalles por toda a parroquia de Pousos na Area acompañados polos Gaiteiros das Rías Baixas.

Sobre esa mesma hora iniciarase a mexillonada popular, de carácter gratuíto, que se alongará ata fin de existencias. 

Pola tarde, ás 17.30 horas, o grupo Pola Vila realizará un recital nas proximidades do río e a xornada concluirá coa actuación da orquestra Triunfo no atrio do Mosteiro de San Bieito de Lérez, onde tampouco faltarán postos de venda de rosquillas, de degustación de polbo á feira, entre outros produtos tradicionais da romaría popular.