O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou este mércores no Parlamento de Galicia que "antes do verán" o seu departamento elevará ao Consello da Xunta a ocupación dos terreos, a aprobación do anteproxecto e a estrutura de custos do novo aparcadoiro do Hospital Montecelo, como paso previo á súa licitación neste 2025.
Segundo informou, a preguntas da deputada socialista Paloma Castro, este aparcadoiro situará en preto de 1.300 as prazas de estacionamento das que case 400 delas serán gratuítas e as demais terán tarifas "asequibles".
A construción do Novo Montecelo leva aparellada a dotación de 128 prazas de aparcamento gratuíto na zona de urxencias, que se sumarán ás 261 xa existentes.
O novo aparcadoiro terá case 900 prazas con prezos "asequibles" para estes espazos de estacionamento "seguro e ordenado" á disposición dos usuarios e traballadores do hospital.
A primeira media hora do novo aparcadoiro será gratuíta e haberá bonos para traballadores e usuarios frecuentes, segundo indicou Gómez Caamaño.

A Xunta vai achegar 3,5 millóns de euros á construción do aparcadoiro e 440.000 euros anuais para garantir a viabilidade da concesión e "tarifas asequibles para os cidadáns".

Tal e como remarcou o conselleiro, actualmente as obras do hospital atópanse na fase final da súa execución, próxima ao 90 %.
De xeito paralelo estase a avanzar na contratación do equipamento.
A previsión da Consellería é comezar a atender pacientes a finais deste ano ou a comezos do seguinte.
Gómez Caamaño sinalou que "facilitar o acceso da cidadanía aos servizos sanitarios é un obxectivo ao que todas as administracións poden contribuír, como de feito fan moitos concellos, que ceden terreos para os centros de saúde, habilitan sistemas de transporte público ou facilitan prazas de aparcadoiro para os seus veciños".
Neste sentido lembrou que o Concello de Pontevedra asinou no seu día un convenio de colaboración coa Xunta para facilitar a construción do Hospital Público Novo Montecelo. Tamén que grazas á implicación da Deputación, o pasado ano entrou en servizo un novo acceso ao hospital, logo dun investimento de algo máis de 1 millón de euros.
Resaltou, neste sentido, que "a implicación doutras administracións contribúe a obter un maior rendemento social do grande esforzo que realiza a Xunta por mellorar cada día a sanidade galega".
