A concellaría de Igualdade de Pontevedra marcouse un novo reto para chegar á mocidade unha vez que detectaron que "cada vez hai maior porcentaxe de mozas entre as súas usuarias" e que os episodios de violencia machista comezan a idades cada vez máis temperás.
Trátase de lograr que todos os centros educativos de secundaria, bacharelato e formación profesional de Pontevedra conten cun Consello Municipal da Muller Nova.
Na actualidade hai media ducia de consellos en institutos, o que supón que estes centros teñen estruturas permanentes de alumnado que durante todo o curso traballan na promoción da Igualdade na súa comunidade educativa.
A idea é que a partir de agora, teñan unha rede de contactos que os axude neste obxectivo.
A concelleira responsable, Anabel Gulías, avanzou este obxectivo durante a reunión de balance do pasado curso escolar ante a presenza das técnicas do Centro de Información á Muller (CIM) e case unha vintena de docentes da práctica totalidade dos centros, que amosaron a súa boa disposición para seguir formando parte desta rede.
Estes consellos están en marcha desde hai tempo, aínda que coa pandemia sufrira un lixeiro estancamento. Agora, búscase dinamizalos, pero Anabel Gulías recoñece que é un proxecto que "quere cocer a lume lento", e no que vai seguir traballando durante todo o mandato.
O obxectivo para o mandato será afianzar a rede de profesorado e intentar implicar ao alumnado dos diferentes IES, CIFP e CPR.
Durante o curso escolar, realizaron entrevistas coas persoas responsables da materia dos institutos. O Concello quería coñecer a opinión do profesorado sobre a reacción que as actividades de Igualdade provocan no alumnado e, en xeral, sobre a actitude que os rapaces e rapazas teñen cara ao feminismo, así como a súa valoración sobre dos talleres e actividades que organiza o Concello.
O profesorado entrevistado coincide na necesidade de levar esta temática á aula, especialmente para contrarrestar os contidos que lle chegan á rapazada a través das redes sociais e tamén destacaron qu,e á hora de abordar a problemática na clase, atopan hándicaps como o rexeitamento de parte do alumnado cara ao feminismo, ou as actitudes machistas por parte dalgúns mozos e algunhas mozas.
A falta de apoio de parte do claustro a actividades fóra do temario ou a decisión de limitar a temática a datas sinaladas como o 8M, o 25N ou o 11F son outras das eivas.