Este mércores foi un día de recepcións en Pontevedra e Vilagarcía.
Por unha banda, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, recibiu ao comandante José Miguel Martínez Suárez, que asume desde hoxe a xefatura do destacamento do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Pontevedra.
Natural de Asturias e con ampla traxectoria profesional na especialidade de Tráfico, o comandante Martínez Suárez ocupou nos últimos anos o posto de xefe do Subsector en Lugo, desenvolvendo un traballo recoñecido pola súa eficacia e compromiso coa seguridade viaria.
Abel Losada destacou a súa "profesionalidade contrastada" e expresou a súa "plena confianza no novo responsable" para afrontar os retos en seguridade viaria dunha provincia cunha enorme mobilidade nas estradas, tanto polo seu tecido económico como pola súa forte atracción turística.

Ao mesmo tempo, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Tania García, recibiron tamén este mércores no Concello ao novo xefe da comisaría de Policía Nacional de Vilagarcía, Javier de Santiago Laguillo, ata agora responsable da área de Seguridade Cidadá na Comisaría de Pontevedra.
Aproveitando este primeiro encontro, fixeron unha valoración sobre a situación en materia de seguridade na localidade que rexistrou o descenso da criminalidade (-13,1%) durante o primeiro trimestre deste ano.
A maiores, o goberno municipal valorou moi positivamente a coordinación e cooperación entre as forzas e corpos de seguridade do Estado durante todo o ano, e que se viu reflectido no "impecable operativo" organizado durante o apagón da semana pasada.