O Concello de Portas acaba de lograr para o albergue de peregrinos de Briallos o distintivo Q de Calidade Turística outorgada polo Instituto para a Calidade Turística Española, que valorou a excelencia das instalacións e dos servizos que presta este establecemento rexistrado na rede xacobea de hospedaxes.
O alcalde, Ricardo Martínez, celebrou esta distinción polo que supón de “recoñecemento ao traballo feito para promocionar o turismo Xacobeo no noso municipio ofrecendo un servizo serio e de calidade aos peregrinos que se achegan ata Portas pola senda do Camiño Portugués a Santiago”, sinalou.
O comité técnico valorou na súa auditoría de inspección as condicións hixiénico-sanitarias do establecemento así como a súa accesibilidade para persoas con dificultades de mobilidade. Tamén puxo en valor o importante número de duchas masculinas e femininas, a limpeza, a luminosidade e a amplitude das instalacións.
O albergue de Briallos conta con 27 prazas, aínda que pola pandemia da Covid-19 víronse reducidas a 8, e presenta unha localización estratéxica pola súa proximidade ao río, a existencia dunha área recreativa e a súa conectividade coa senda do Camiño Portugués a Santiago.
A intención do alcalde, Ricardo Martínez, é lograr autorización para aumentar en 20 prazas o número de usuarios posibles e tamén especializar este establecemento na atención de discapacitados e persoas con problemas de mobilidade que fan o Camiño na compaña dalgún asistente. “Estamos a ver como cada vez hai máis persoas ou grupos que presentan entre as súas participantes persoas con problemas de mobilidade severa ou mesmo discapacitados físicos que precisan de atención e que aínda que nós dámoslle ese servizo no albergue de Briallos pretendemos ampliar o número de prazas dedicadas eles e poder cubrir unha demanda cada vez maior", rematou.