O alcalde de Caldas de Reis asegura que os investimentos da Deputación na vila potencian a súa singularidade

Umia
13 de abril 2021

Os deputados provinciais, Santos Héctor e Manuel González, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, visitaron este martes as últimas actuacións financiadas pola Deputación neste municipio cun importe total de 315.000 euros

Visita ás obras da Deputación en Caldas de Reis
Visita ás obras da Deputación en Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

Os deputados provinciais, Santos Héctor e Manuel González, e o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, visitaron este martes as últimas actuacións financiadas pola Deputación neste municipio cun importe total de 315.000 euros e que, segundo o rexedor, potencian a silgularidade da vila.

A visita comezou polas rúas Real e Carlos García Bayón, a carón da fonte das Burgas. Alí comprobaron os resultados do novo saneamento separativo, que serve para evitar as filtracións cara a fonte pública. Nesta obra investíronse 96.900 euros.

A continuación visitaron a pavimentación do Camiño Alto de Ribocias (San Clemente), que contou cun orzamento de 35.500 euros. Deseguido desprazáronse ata Segade de Arriba, onde se ampliou a rede de saneamento e abastecemento de auga con outra achega de 150.500 euros. 

Finalmente, visitaron os terreos da antiga hidroeléctrica no salto do Umia, adquiridos coa axuda dunha achega provincial de 32.450 euros e onde se están agora mesmo realizando traballos de restauración de camiños e muros a cargo do alumnado do Obradoiro de Emprego.

Para Juan Manuel Rey as obras que se levaron a cabo gracias ao Plan Concellos constitúen tamén unha aposta polo medio ambiente e encaixan coa vocación de singularidade do concello do Umia. O rexedor amosouse feliz de ter acadado a adquisición da finca da fábrica da luz: "é un fito, e iso xa non mo quita ninguén, porque unha cousa é o que custou e outra o valor inmaterial". 

O alcalde de Caldas de Reis estima que a zona quedará acondicionada e visitable a mediados do verán. Vinculou esta mellora cos avances no saneamento na contorna da fonte das Burgas e tamén con outras actuacións emblemáticas financiadas recentemente pola Deputación, como a nova sede da Escola de Música "que doutro xeito tería sido imposible". 

O alcalde agradeceu expresamente a "alianza" da Deputación con Caldas e o seu papel como Administración "que está sempre ao lado dos concellos". Rey rematou anunciando que en breve estarán en funcionamento as pozas do complexo termal da Tafona, concluíndo así outro dos proxectos estratéxicos da vila. "Se xa presumimos de ser distintos, serémolo aínda máis", concluíu.