O anteproxecto das piscinas de Campolongo propón unha "revolución total"

Pontevedra
28 de agosto 2017

O concelleiro de Obras de Pontevedra, Demetrio Gómez, informou este luns que a xunta de goberno local aprobou o estudo de viabilidade para sacar a concurso as obras de reforma e a xestión das piscinas de Campolongo. O seguinte paso administrativo será someter o anteproxecto a exposición pública durante un mes

Piscinas de Campolongo Mónica Patxot

O concelleiro de Obras de Pontevedra, Demetrio Gómez, informou este luns que a xunta de goberno local aprobou o estudo de viabilidade para sacar a concurso as obras de reforma e a xestión das piscinas de Campolongo. O seguinte paso administrativo será someter o anteproxecto a exposición pública durante un mes.

Segundo o edil nacionalista, estamos ante unha "revolución total" de todo o espazo interior.

Como avance, Gómez Junquera informou que se mellorará a accesibilidade de todo o recinto dotándoo de ascensor e novos percorridos de evacuación con escleras interiores e novas saídas de emerxencia. Tamén se cambiará o forxado e renovaranse as canchas exteriores.

Renovarase ademais toda a climatización do recinto e a depuración de auga.

O edificio gañará 476 metros cadrados de espazo no soto deixando a superficie total en 4.335 metros cadrados.

Coa nova disposición o recinto estará equipado con catro salas multideportivas na planta soto "máis versátiles e adaptadas ás necesidades actuais". Ademais una delas será de 500 metros cadrados.

As piscinas tamén se renovarán integralmente, do mesmo xeito que sucede co jacuzzi, a sauna e o baño de vapor. Cambiarase o teito, todos os pisos e paredes verticais dos vasos así como as zonas de praia circundantes.

O orzamento estimado alcanza os 3.067.000 euros e o prazo de concesión será de 20 anos.