O BNG colapsa as cabinas de peaxe entre Pontevedra e Vigo contra "a navallada" da AP-9

Vilaboa
26 de novembro 2016

Militantes e simpatizantes da organización nacionalista protagonizaron este sábado unha protesta simbólica na súa loita por reclamar unha AP-9 galega e sen peaxes. Unha caravana de coches colapsou as cabinas de cobro en ambos os sentidos circulación con condutores que decidiron abonar a peaxe en céntimos

Protesta do BNG na peaxe de Vilaboa Montse Prado

Reclamar unha AP-9 galega e sen peaxes. Ese foi o obxectivo da acción de protesta realizada polo Bloque Nacionalista Galego este sábado ao longo da principal autoestrada galega.

Militantes e simpatizantes da organización nacionalista colapsaron a media mañá as cabinas de cobro da autoestrada cunha caravana de coches na que os condutores decidiron abonar a peaxe en céntimos.

No caso de Pontevedra, o lugar elixido foi a peaxe entre a cidade de Lérez e Vigo, en Vilaboa, en ambos os sentidos de circulación no que denominaron os responsables políticos un "acto simbólico" contra "a navallada" que supón a autoestrada para miles de galegos.

Esta ofensiva, que tamén chegou ao Parlamento de Galicia, pide a eliminación das peaxes e a transferencia da autoestrada a mans da Xunta de Galicia, xa que agora a competencia é estatal e a súa xestión reporta a unha concesionaria privada preto de 300.000 euros diarios en peaxes, segundo sinalaron representantes do BNG.

Na protesta desenvolvida en Vilaboa participaron, ademais de militantes e simpatizantes, os deputados por Pontevedra Luís Bará e Montse Prado.