O BNG denuncia que o novo colector xeral de Marín arrasará con 53 árbores

Marín
09 de xullo 2014

O BNG de Marín denuncia que o proxecto para a substitución do colector principal de auga de Marín supón abrir en canal todo o paseo da avenida de Ourense, cunha zanxa de máis de dous metros de ancho e cinco de profundidade pola zona central do paseo

Zona afectada polo novo colector xeral de Marín
Zona afectada polo novo colector xeral de Marín / BNG de Marín

O BNG de Marín denuncia que o proxecto para a substitución do colector principal de auga de Marínsupón abrir en canal todo o paseo da avenida de Ourense, cunha zanxa de máis de dous metros de ancho e cinco de profundidade pola zona central do paseo, e suporá a tala de 53 árbores, 22 delas na zona do depósito.

A portavoz local do BNG, Pilar Blanco, critica, ademais, que o proxecto que executará Augas de Galicia altera o acordo inicial para substituír o actual colector que discorre por dentro do vial do Porto, o cal se manterá para uso exclusivo deste, pero que verterá no pozo de retención do paseo. O novo discorrerá case integramente polo propio paseo da avenida de Ourense.

O cambio, do que tiveron constancia durante a exposición no novo proxecto a través de Augas de Galicia, supón construír un caseto de 3,44 metros de alto e 24 metros cadrados de superficie no propio paseo da Avenida de Ourense á altura da estatua adicada ás carrexadoras. Albergará os cadros de mando dun pozo de retención tamén ubicado no paseo que ocupará preto dos 400 metros cadadros.

Segundo o BNG, a solución escollida conleva que os alivios de augas fecais vaian directamente ao mar a través dun colector que o conecta pozo de rentención coa rede de pluviais do Porto. "Deste xeito Augas de Galicia busca rebaixar o caudal que chega a EDAR de Praceres en caso de sobrecarga na rede, e en lugar de actuar na propia planta depuradora obriga aos concellos a verter ao mar nos seus propios lindes", afima a portavoz nacionalista.