O BNG pide pintar o vial de praias para reforzar a seguridade do tráfico

Marín
22 de xullo 2022

O BNG de Marín denuncia que as marcas da sinalización horizontal do vial de acceso ás praias están practicamente borradas en varios tramos entre o final da praia de Portocelo e o cruce de Aguete coa estrada EP-1205 e resulta difícil distinguir as liñas das prazas de aparcamento ou as liñas que separan a beiravía do vial  

Estacionamento de motos en Mogor
Estacionamento de motos en Mogor / BNG de Marín

O BNG de Marín denuncia que as marcas da sinalización horizontal do vial de acceso ás praias están practicamente borradas en varios tramos entre o final da praia de Portocelo e o cruce de Aguete coa estrada EP-1205. 

Esta situación motiva que resulte difícil distinguir as liñas das prazas de aparcamento ou as liñas que separan a beiravía do vial, de maneira que o BNG considera que é necesario actuar para darlle maior seguridade viaria a esta estrada tan transitada durante o verán.

A portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, solicitou na comisión informativa de tráfico de Marin que se leve a cabo un novo pintado da sinalización horizontal do vial de praias neste tramo para reforzar a seguridade viaria e o bo funcionamento da circulación do tráfico.

Lucía Santos tamén demandou a creación dun espazo para aparcamentos de motos na contorna da praia de Mogor, xa que actualmente a praia conta cun número de prazas moi reducido.

Segundo explica o BNG, trátase dunha demanda de persoas usuarias do transporte en moto que din ter dificultades para poder aparcar na contorna do vial de praias no lugar de Mogor. Amais, non se atopa en bo estado polo levantamento do firme debido a existencia de numerosas raíces de eucaliptos.

Na actualidade existe un pequeno aparcamento habilitado xunto o aparcamento para bicicletas que é utilizado con asiduidade para o aparcamento de motos polo que o BNG considera necesaria a dotación dunha nova zona de aparcamento.