O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reafirmou este luns o compromiso do Goberno galego co comercio de proximidade a través de apoios ao consumo por 21 millóns de euros e subliñou que o Bono activa comercio conta xa con máis de 5.000 establecementos adheridos e máis de 110.000 beneficiarios en toda Galicia, dos que 3.000 son da cidade de Pontevedra.
O 30% destes bonos empregáronse nas tendas do téxtil, seguido das librerías, salóns de peiteado, ópticas e droguerías.
Feijóo visitou este luns varios locais comerciais da rúa da Oliva, en Pontevedra. Concretamente entrou na Óptica Martínez, na perfumaría Tito de la Peña, en xoiería Ferse, na tenda de roupa Quomo e na zapatería Pedestal. Non fixo compra pero interesouse pola experiencia destes negocios co Plan de comercio seguro que "cunha dotación de 10 millóns de euros, facilita descontos de 30 euros por consumidor" o que suporá unha inxección para o consumo de máis de 55 millóns de euros.
Despois da visita o presidente galego compareceu ante os medios na praza da Peregrina onde destacou outras iniciativas da Xunta como o Plan Renove electrodomésticos, para mellorar a eficiencia enerxética dos fogares, que conta con máis de 10.000 solicitudes, 3.400 desta provincia; e o Bono Enerxía Peme e Comercio, cun investimento de 3 millóns para mellorar envolventes, iluminación ou electricidade. En total a Administración autonómica puxo en marcha axudas por máis de 70 millóns de euros.
"E aínda está aberta ata o catro de xuño a convocatoria das axudas á dixitalización comercial, dotada cunha partida de 5 millóns de euros", dixo, co fin de modernizar o sector e aliñalo coas tendencias de futuro no consumo.
O titular do Executivo galego aproveitou a visita para referirse ademais ás axudas a terrazas co fin de facilitar a adaptación dos hostaleiros ante a pandemia; unha iniciativa que contou cun investimento de 11 millóns de euros.
E, con ese mesmo espírito, lembrou que a Xunta activou dous Plans de rescate por 182 millóns de euros para aliviar a situación dos autónomos e das microempresas, coa concesión de máis de 60.000 axudas.