Un total de 4.022 mozos e mozas cursan os seus estudos universitarios no campus de Pontevedra durante o curso 2019-2020. Este é un dos datos máis destacados que desvelou a Universidade de Vigo tras o peche do período de matrícula.
Os estudantes que cursan algunha das titulacións ou mestrados que se imparten no campus pontevedrés supoñen o 20,60% do total da universidade, segundo explicaron o reitor da universidade, Manuel Reigosa; e a vicerreitora responsable do alumnado, Natalia Caparrini.
O campus de Pontevedra tamén rexistrou bos datos nas prazas de novo ingreso, xa que a estatística revela que se incorporaron 819 novos alumnos e alumnas, un 104% do total da oferta que había para este curso universitario.
Tras avanzar que en vindeiros anos se rexistrará un pequeno incremento no número de estudantes en disposición de acceder á universidade, Reigosa advertiu que a esta tendencia seguirá unha caída profunda por mor do descenso da natalidade,
"Agora a universidade segue a ser atractiva e estamos especialmente satisfeitos, ante un ano de especial dificultade como este, por ter unhas cifras lixeiramente superiores a anos anteriores", asegurou o responsable educativo.
De cara ao próximo ano, o reitor avanzou que comezarán os traballos para redefinir o mapa de titulacións e, no relativo ao campus pontevedrés, explicou que se segue a avanzar na próxima implantación do grao en Deseño e Creación e en fórmulas para garantir a continuidade de Enxeñería Forestal e de Dirección e Xestión Pública.