O Carabela acaba de perder nos xulgados o uso exclusivo como terraza da praza da Estrela. O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, informou dunha sentenza do xulgado do contencioso que acaba de perder o Concello.
O denunciante é o local de hostalería Meigas fóra! que denunciou ao Concello por non permitirlle instalar dez veladores na Praza da Estrela, cuxo espazo ocupa o Carabela. Os técnicos municipais estimaban que a litigante ten o seu establecemento na rúa Figueroa e que non lle correspondían máis que tres mesas de terraza diante da súa fachada.
Agora a sentenza xudicial dálle a razón ao Meigas fóra! recoñecendo que ten dereito a dispoñer do espazo público da praza e obriga ao Concello a resolver cantas mesas e cadeiras correspóndenlle á demandante.
A sentenza non é firme e contra ela cabe interpoñer recurso antes do día 27 deste mes de xuño.
A propietaria do Meigas fóra! solicitou licenza para colocación de terrazas no ano 2014 que estimou parcialmente a oficina municipal de Disciplina Urbanística e que despois de ser recorrida derivou nunha denuncia ante os tribunais de xustiza que agora acaba de darlles a razón.