O cargador de móbiles que xera electricidade co abastecemento de auga

Pontevedra
18 de xuño 2024

Pontevedra estreou o seu primeiro cargador para dispositivos móbiles que utiliza a corrente continua do abastecemento de auga para xerar electricidade. Foi instalado pola compañía Viaqua na Praza de Barcelos, xusto enfronte do colexio  

Novo cargador de móbiles con electricidade xerada pola auga
Novo cargador de móbiles con electricidade xerada pola auga / Mónica Patxot

Pontevedra estreou o seu primeiro cargador para dispositivos móbiles que utiliza a corrente continua do abastecemento de auga para xerar electricidade. Foi instalado pola compañía Viaqua na Praza de Barcelos, xusto enfronte do colexio.

Esta non era a localización elixida inicialmente, xa que se pensou na Glorieta de Compostela. Pero segundo o concelleiro responsable do ciclo da auga, Xaquín Moreda, tívose que buscar outro emprazamento porque "non era a mellor".

Optouse así por buscar un lugar onde o paso da auga "fora continuo", de forma que non baixase a produción de electricidade, elixindo o ámbito de Barcelos ao ser por onde máis auga circula dentro do ámbito urbano.

Moreda destacou que este cargador é unha proposta "innovadora e autosuficiente", que emprega enerxía "100% renovable" e que contribúe a sensibilizar á cidadanía en cuestións ambientais e na loita contra o cambio climático.

Este cargador está composto por unha peana de aceiro inoxidable con tres soportes para a carga de todo tipo de dispositivos móbiles, entre eles teléfonos ou tablets, un deles adaptado para persoas con mobilidade reducida.

A peana inclúe unha base rectangular que permite, a través dun cristal reforzado antivandalismo, visualizar o equipo de xeración hidráulica, unha picoturbina que aproveita a enerxía hidráulica para producir a enerxía eléctrica.

Fornecerá unha potencia duns doce voltios, polo que segundo o concelleiro "será como se estiveras enchufado na casa". O seu uso será gratuíto para os cidadáns.

O Concello afirma que "imos ver como responde" e, se os resultados son satisfactorios, estudará instalar máis cargadores noutras zonas da cidade.

Este cargador, cuxa produción custa entre 7.000 e 8.000 euros, non custou nada ás arcas municipais, xa que é unha das melloras que Viaqua incluíu na súa oferta para adxudicarse o novo contrato de abastecemento de auga e saneamento en Pontevedra.