O Centro de Acollida de Animais acadou as 302 adopcións

O Salnés
07 de xuño 2021

Coa saída esta pasada semana de "Arco", "Linda", "Felipe" e "Calcetines" cara ao seu novo fogar, o Centro de Acollida de Animais (CAAN) ten superado xa as 300 adopcións no que vai deste 2021 neste centro dependente da Deputación

Unha parella con dous cans do Centro de Acollida de Animais
Unha parella con dous cans do Centro de Acollida de Animais / Deputación de Pontevedra

Coa saída esta pasada semana de  "Arco", "Linda", "Felipe" e "Calcetines" cara ao seu novo fogar, o Centro de Acollida de Animais (CAAN) ten superado xa as 300 adopcións no que vai deste 2021. 

A cifra supón un incremento do 75% respecto ao mesmo período do 2020 (en que se levaban 172) e con este excepcional ritmo o centro vai camiño de superar amplamente o récord de adopcións no centro conseguido o pasado ano, en que se rexistraron 583.

Das 302 adopcións que se tramitaron desde xaneiro, unha foi desde Portugal e o resto en España. A maioría producíronse en Galicia (260), seguida de Castela e León (28) e o resto repartíronse entre as comunidades de Madrid (5), Cataluña (3), País Vasco (3), Estremadura (1) e Castela a Mancha (1). 

Das galegas, a meirande parte, un total de 225, tramitáronse na provincia de Pontevedra, mentres que outros 19 viaxaron cara a Lugo, 10 á provincia da Coruña e 6 a Ourense.

Ata agora o concello con máis adopcións na provincia foi Vigo (46), seguido da Estrada (29) e de Pontevedra (26). Outros municipios cun gran número de adopcións foron Meis (13), Poio (10), Vilagarcía (9) ou Sanxenxo (8).