O certificado de eficiencia enerxética será voluntario na nova ITV de edificios

Pontevedra
01 de marzo 2017

Xa está lista a nova ordenanza municipal de inspección de edificios, coñecida como a ITV de edificios, que foi suspendida hai uns meses para adaptarse a unha sentenza do Tribunal Constitucional relativa a unha normativa similar impugnada en Cataluña

Vista aérea de Pontevedra
Vista aérea de Pontevedra / PontevedraViva

Xa está lista a nova ordenanza municipal de inspección de edificios, coñecida como a ITV de edificios, que foi suspendida hai uns meses para adaptarse a unha sentenza do Tribunal Constitucional relativa a unha normativa similar impugnada en Cataluña.

Así, manterase o espírito da ordenanza, que obriga a revisar o estado de todos os inmobles de máis de cincuenta anos de antigüidade.

En todo caso, esíxese revisión da estrutura, cimentación, fachadas interiores e exteriores, medianeiras, cubertas e azoteas, redes xerais de electricidade, gas, fontanería e saneamento, estado dos elementos comúns e medidas de protección contra incendios. A maiores, haberá que revisar o cumprimento da normativa sobre accesibilidade.

Pero cambiará o relativo á necesaria obtención do certificado de eficiencia enerxética, que pasará a ser un trámite voluntario para as comunidades que deban revisar a fachada do seu edificio. Iso si, o Concello recomenda que se obteña, xa que apenas encarece a revisión técnica e ademais sería necesario para optar a subvencións e vender ou alugar a vivenda.

Tamén se modifica o réxime sancionador e os prazos que estaban fixados para pasar esta ITV, ante o tempo que estivo paralizada esta normativa.

Desta forma, seguindo as recomendacións dos colexios profesionais de arquitectos e aparelladores, os edificios con máis de 60 anos, que debían pasar esta revisión antes do 31 de decembro de 2016, terán agora de prazo ata o 30 de setembro de 2018.

Tamén cambian os prazos para os edificios posteriores. Aqueles que teñan máis de 50 anos, que deberían cumprir este trámite o 31 de decembro de 2017, terán de marxe ata o 30 de decembro de 2019.