O ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos achega a intelixencia artificial ao IES Illa de Tambo de Marín

Marín
11 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A conferencia 'A Intelixencia Artificial nas nosas vidas' da profesora de Ciencias da Computación da Universidade de Santiago María José Carreira abriu este xoves o ciclo .  María Ramallo inaugurou o ciclo destacando a importancia de actividades como esta, que "permiten achegar a ciencia á sociedade"

María Ramallo inaugura o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos no IES Illa de Tambo de Marín
María Ramallo inaugura o ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos no IES Illa de Tambo de Marín / Deputación de Pontevedra

A conferencia 'A Intelixencia Artificial nas nosas vidas' da profesora de Ciencias da Computación da Universidade de Santiago María José Carreira abriu este xoves o ciclo Aida Fernández Ríos no IES Illa de Tambo de Marín.

A deputada provincial e alcaldesa de Marín, María Ramallo, inaugurou o ciclo destacando a importancia de actividades como esta, que "permiten achegar a ciencia á sociedade” e afondar en cuestións de "máxima actualidade como é o caso da intelixencia artificial".

Na conferencia, Carreira puxo en contexto a intelixencia artificial a través de actividades nas que está presente e ninguén o sospeita, amosou aqueles casos nos que esta intelixencia está sendo clave para resolver problemas e reflexionou sobre a súa aplicación ética e responsable.

Tras esta primeira actividade no IES Illa de Tambo o ciclo continuará o 18 de abril con dúas conferencias dirixidas á cidadanía en xeral  ás 19:00 horas no Salón de Plenos do Pazo Provincial e poderán seguirse tamén online.

Son 'Cribado neonatal: onde estamos e cara onde imos', a cargo de María Luz Couce, directora da Unidade de Tratamento de Enfermidades Metabólicas Conxénitas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, e 'VIH: Situación actual, avances e retos actuais', a cargo de Eva Póveda, científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.