O colexio de Nantes, en Sanxenxo, poderá contar cunha nova pista polideportiva a partir do próximo curso académico. A obra será unha realidade tras o investimento de 253.131 euros do Plan Concellos da Deputación Provincial.
A pista que actualmente hai no CEIP de Nantes, debido á súa antigüidade e uso intensivo, atópase moi deteriorada, sendo necesario acometer reparacións con certa frecuencia. Ante tal situación, o Concello de Sanxenxo decidiu levar a cabo a construción dunha nova pista polideportiva cuberta á beira da existente e financiala con cargo afondos provinciais.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo a través dun comunicado, a licitación da obra publicarase no Perfil do Contratante, no BOP e no DOG e, a partir desta publicación, abrirase un prazo de 15 días naturais para a presentación de ofertas. Será no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.
A infraestrutura estará construída no exterior do recinto escolar, pero estarán comunicados a través dun portal. Ademais, poderase acceder á pista polo exterior e fóra do horario escolar poderá ser utilizada por outros colectivos e funcionará como instalación municipal. Nun futuro prevese unha segunda fase, co cerramento lateral desta pista.
Establécese un prazo de execución da obra de 6 meses e na valoración das ofertas terase en conta o incremento da calidade e a oferta económica.
O proxecto contempla unha pista de soleira de formigón de 20 centímetros de espesor, de 44 metros de longo e 28 metros de ancho, e a cuberta será a dúas augas realizada a base de panel sándwich. Instalaranse os correspondentes canlóns e baixantes para a recollida de augas pluviais da cuberta.