O concelleiro de Facenda defende a "mínima" suba de impostos en Marín

Marín
22 de outubro 2023

Foi na súa intervención no pleno da corporación cando explicou que Marín seguirá sendo dos municipios de máis de 20.000 habitantes con menor presión fiscal de Galicia

Manuel Santos Costa
Manuel Santos Costa / Concello de Marín

O concelleiro de Facenda, Manuel Santos Costa, defendeu a suba que se aplicará en Marín ao imposto sobre bens inmobles (IBI) e ao imposto de circulación (viñeta) "co obxectivo de seguir dotando ás arcas públicas de liquidez" para "poder asumir os enormes gastos sobrevidos pola inflación galopante que afecta á nosa sociedade", que incrementou en máis de 2 millóns de euros os gastos municipais.

"Despois de 16 anos cunha política de conxelación de taxas e impostos, agora temos que aplicar este cambio para poder facer fronte a unha situación enormemente complexa, tanto para as administracións de todos os niveis como para os propios cidadáns", explicou o edil no pleno da corporación.

O caso do IBI, explica Santos, é especialmente relevante en Marín, porque os seus valores catastrais son os de referencia de hai 37 anos. Esta situación e a súa conxelación nos últimos 16 anos fai que "teñamos que aplicar a subida que se anunciou hai unhas semanas por parte do Concello".

En todo caso, Santos destaca que, incluso aplicando estas subidas, "Marín é dos municipios de máis de 20.000 habitantes de Galicia coa menor presión fiscal e seguiremos tratando de que así o sexa".