Un total de 34 postos cubrirá finalmente o Concello de Pontevedra coa Oferta Pública de Emprego (OPE) correspondente ao ano 2015, tras a negociación cos sindicatos da Xunta de Persoal do concello.
O Concello ofertará nove prazas de administrativo, tres de auxiliares administrativos, tres subalternos, dous de bombeiros condutores, unha de mestre electricista, unha de mestre de obras, unha de oficial electricista, dous de oficial albanel, unha de oficial de obra, unha de oficial carpinteiro e unha de sepultureiro.
Ademais, nove prazas serán para a Policía Local. Son tres de garda, tres de oficial, dous de inspector e unha de intendente.
De todas elas, doce serán de libre concorrencia. Mediante un concurso-oposición cubriranse as tres prazas de garda da Policía Local, as dúas do corpo de bombeiros, dous de administrativo, dous de auxiliares administrativos e as tres de subalternos.
Son en todo caso 34 postos de traballo, xa que o resto de prazas -que se cubrirán mediante promoción interna entre os funcionarios do Concello- deixarán á súa vez novas vacantes que serán cubertas coas listas de interino. Estes postos tamén sairán a oposición en sucesivas ofertas de emprego.
A intención do Concello é tentar convocar as oposicións para estas prazas este mesmo ano, para o que xa se comezou a negociar cos sindicatos as bases reguladoras que rexerán todo este proceso.