O Concello de Marín ratifica a licenza municipal outorgada a Cabomar

Marín
24 de febreiro 2015

Unha resolución de Alcaldía resolve o recurso de reposición presentado pola Plataforma Defensora da Praza dos Praceres asegurando que a licenza municipal outorgada é "conforme a dereito"

Nave de Cabomar, antiga Tradepana
Nave de Cabomar, antiga Tradepana

O Concello de Marín ratificouse na súa decidión de outorgar á empresa Cabomar Congelados, situada no Porto, licenza municipal para a legalización da súa nave.

Mediante unha resolución de alcaldía o goberno local deu resposta ao recurso de reposición presentado pola Plataforma Defensora da Praza dos Praceres, que pedía o cesamento de actividade da empresa.

Segundo explica a alcaldía a licenza municipal outorgada o 29 de xaneiro de 2015 pola Xunta de Goberno é "conforme a dereito" ao entender que cumpre co Plan Especial do Porto e a empresa "está amparada pola normativa actual".

Por iso o Concello desestimou o recurso dos Praceres, plataforma que defende que a licenza municipal pretende eludir a orde xudicial de demolición que pesa sobre a nave industrial.

Tras dar a coñecer a decisión do goberno municipal María Ramallo sinalou que "creo que o fin das administracións, entre outros é xerar emprego, riqueza, traballo e benestar para os seus veciños, se ademais se cumpre a normativa é non só unha obriga senón unha actuación que non está sometida a ningún outro criterio senón ao xurídico e ao técnico, e así actuouse", explicou a alcaldesa.