A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra sacou este venres a contratación a iluminación das festas, nun lote que inclúe o Nadal, o Entroido e a Semana Grande da Peregrina.
Segundo informou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destinaranse un total de 200.000 euros repartidos en 140.000 para a iluminación do Nadal, 20.000 para o Entroido e 40.000 nas festas do verán.
O prego de condicións sinala que a iluminación do Nadal ten que estar preparado para os días 5-6 de decembro, ao comezo da ponte festiva da Constitución, aínda que "non se tomou aínda unha decisión" en relación co día concreto do aceso.
Lembremos a polémica vivida o pasado ano polo atraso no aceso da iluminación do Nadal da cidade, que o Goberno local fixou para o 16 de decembro nunha decisión que pretendeu ser unha mensaxe e un xesto enmarcado no aforro enerxético #ante a crise climática mundial. Con todo, fronte a aquela decisión, o grupo socialista, entón socio no goberno local, si que optou por iluminar desde o luns 5 de decembro o Mercado de Abastos.
Como reacción á postura do Concello, o ano pasado os comerciantes e hostaleiros recolleron firmas para mostrar o seu malestar e xurdiu o movemento #IluminaPontevedra para buscar a colaboración cidadá para que "entre todos e sen axuda de estamentos públicos de ningunha cor", poida "brillar tamén en Nadal".
Agora, Lores sinalou que "este é un mandato diferente" e "o prezo da enerxía tamén baixou respecto a ese ano".