O Concello impulsa o programa 'Poio Confía' para apoiar o tecido empresarial do municipio

Poio
24 de maio 2020

Trátase dunha proposta que servirá para abordar cuestións crave como a creación de espazos saudables, que cumpran coas normativas sanitarias vixentes, e a adaptación das estratexias empresariais a este novo contexto

Tenda de Poio
Tenda de Poio

Conscientes da necesidade que ten o tecido empresarial, hostaleiro e comercial do municipio de adaptar os seus negocios á nova situación derivada da crise do Covid-19, o Concello de Poio ten previsto levar a cabo nas próximas semanas a iniciativa 'Poio Confía'.

Segundo o Concello, trátase dunha proposta que servirá para abordar cuestións chave como a creación de espazos saudables, que cumpran coas normativas sanitarias vixentes, e a adaptación das estratexias empresariais a este novo contexto.

O obxectivo destas iniciativas, levadas a cabo de maneira coordinada polas concellerías de Turismo e Promoción Económica, é "desenvolver o potencial que ten o concello", conseguindo que Poio continue sendo un lugar "próspero e saudable".

Desta maneira, os responsables de ambos os departamentos, Silvia Díaz e Gregorio Agís, explican que, en caso da creación de espazos confiables, os negocios locais terán a posibilidade de contar cun programa que incluirá asesoramento especializado para cumprir cos requisitos sanitarios establecidos, xa que se ofrecen visitas aos establecementos que o demanden.

Pola súa banda, tamén se impartirán charlas online a cargo de profesionais para dar a coñecer pautas que sirvan de axuda aos negocios. Ademais, o Concello asesorará mediante canles telemáticas, dixitais e telefónicos, así como con vídeos explicativos, e entregarán un selo identificativo aos establecementos que completen este itinerario.

"Contaremos con profesionais ao servizo dos negocios analizando e resolvendo cada situación concreta", sinalan os responsables, que farán fincapé na colaboración entre a cidadanía e os negocios locais creando "unha rede sólida de apoio" que será facilmente identificable nas redes sociais a través dos hashtags #ConfíoenPoio e #MercoEnPoio.