O Concello impulsará accións para "encher de vida" as Galerías Oliva

Pontevedra
13 de febreiro 2023

O colectivo de comerciantes, afectados polas obras de demolición, traslada ao portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, o seu desexo de que se reabra e manteña o acceso a este espazo comercial a través da rúa Gutiérrez Mellado

Reunión dos concelleiros coa asociación de comerciantes das Galerías Oliva Concello de Pontevedra

Varios membros da asociación de comerciantes das Galerías Oliva mantiveron este luns unha reunión co portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e a concelleira de Promoción Económica e Comercio, Yoya Blanco, para trasladar a súa preocupación ante o peche do acceso a este espazo comercial a través da rúa Gutiérrez Mellado, por mor das inminentes obras de demolición que executará Hercor Inversiones SL. 

Os membros do colectivo solicitaron que o Concello reabra o paso peonil nesta "arteria" das Galerías cando menos mentres non se inician os traballos e que se garanta o acceso unha vez que se leve a cabo o proxecto.

Neste sentido, o portavoz socialista ofreceuse a facilitarlles asesoramento legal e a explorar as vías existentes para que se estableza unha posible zona de servidume de paso que recupere o tránsito desde Gutiérrez Mellado. 

"En paralelo, dada a preocupación dos comerciantes, consideramos imprescindible impulsar diversas accións de dinamización e potenciación da imaxe das Galerías Oliva, polo que a Concellería de Promoción Económica e Comercio xa ten en marcha non só unha campaña específica de Entroido, senón tamén un plan de dinamización que comezará coa instalación dunha nova cartelería e sinaléctica unificada", anunciou Iván Puentes.

Asemade, segundo precisou Yoya Blanco, "buscaranse maiores sinerxías entre os diferentes espazos, aproveitando para facer máis exposicións, como a mostra de traxes tradicionais galegos, colaborar máis a miúdo coa facultade de Belas Artes, organizar actividades para os máis pequenos, potenciar os accesos desde a rúa da Oliva con decoracións atractivas ou 'sacar' os comercios á rúa coa instalación de elementos de atrezzo e mobiliario". 

"Á marxe de que se poida ou non reabrir o acceso desde Gutiérrez Mellado, imos facer todo o que estea nas nosas mans para encher de vida este espazo comercial con tantas posibilidades", apuntou Blanco.