O Concello impulsará unha lanzadeira para o sector hostaleiro

Pontevedra
29 de outubro 2019

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, mantivo un encontro con representantes de dúas asociacións de profesionais para levar a cabo esta iniciativa e organizar cursos de formación para profesionais

Reunión da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, con hostaleiros
Reunión da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, con hostaleiros / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra impulsará unha lanzadeira de proxectos de empresas e profesionais da hostalería. Este compromiso foi adquirido este martes despois da reunión mantida pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; e representantes da Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) e o colectivo provincial da Hostalaría de Pontevedra. 

Os profesionais trasladaron á edila a opción de contar co apoio do Concello para organizar cursos de formación destinados a traballadores do sector relacionados con ámbitos como os primeiros auxilios, a reanimación cardiopulmonar ou a prevención e extinción de incendios en espazos de risco como as cociñas.

Así mesmo, Blanco mostrouse convencida da gran utilidade e efecto dinamizador que tería a creación dunha lanzadeira. "Sería non tanto de incubación como de aceleramento, é dicir, para iniciativas en fase de desenvolvemento", detallou a concelleira.

"Os profesionais sempre teñen moitas dúbidas sobre cuestións vencelladas a permisos e licenzas e esta lanzadeira actuaría no eido da mentorización e a selección de proxectos", concluíu.